Homenaxe ao crego Carlos Álvarez pola súa xubilación

Os veciños de San Fiz, Vilaxuste e Caborrecelle, en Portomarín, celebraron un xantar de confraternidade para agradecerlle o seu labor
undefined
photo_camera Asistentes á misa na igrexa de Guntín. EP

Carlos Álvarez Sánchez, o sacerdote das parroquias de San Xulián de Caborrecelle, San Fiz de Rozas e San Pedro de Vilaxuste, todas elas pertencentes ao Concello de Portomarín, xubílase aos seus 87 anos, logo de ser ordenado hai algo máis de 61 anos.

Para conmemorar tal ocasión, uns 70 veciños déronse cita onte para agradecer o labor que don Carlos desenvolveu ao longo de arredor de 35 anos de servizo nestas tres parroquias, as que conservou ata o momento de retirarse.

Deste xeito, a xornada arrancou cunha misa que se celebrou na igrexa de Guntín e na que tamén estivo presente o bispo da diócese de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, e o alcalde de Portomarín, Pablo Rivas. O motivo de oficiar a cerimonia relixiosa en Guntín debeuse a que a esta parroquia está atendida polo crego que sucederá a don Carlos. Ramón Álvarez Varela incorporará así Caborrecelle, San Fiz e Vilaxuste á lista de 25 lugares dos que xa se encargaba ata a actualidade.

Para poñer o broche de ouro á celebración, Casa Fidalgo acolleu un animado xantar de confraternidade que rematou coa entrega dun agasallo para o homenaxeado -unha placa de recordo- e a lectura dunhas palabras de agradecemento en nome de todos os veciños. Desexáronlle unha feliz xubilación tras tantos anos de dedicación, nos que Carlos Álvarez dividiu o seu tempo libre entre Lugo e Monforte, aínda que foi na capital de Lemos onde se asentou os últimos anos.

Comentarios