Un home resulta ferido grave ao escorregar do seu tractor en Castroverde

O home foi ingresado na Uci do hospital Lucus Augusti debido ao seu mal estado

Un home resultou este sábado ferido de gravidade logo de escorregar e caer do seu tractor á beira da súa vivenda en Vilacote, na parroquia de Riomol (Castroverde).

O afectado, con iniciais M.N.S e de 63 anos de idade, foi trasladado en helicóptero ata o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), onde quedou ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (Uci).

Os facultativos que o atenderon están a valorar aínda o alcance exacto das lesións e danos padecidos. O desafortunado incidente tivo lugar no interior dun pequeno alpendre próximo á vivenda familiar, un lugar onde gardan os vehículos e apeiros agrícolas.

Ante o preocupante estado do home, decidiuse desprazalo nun helicóptero do 061 ata o hospital Lucus Augusti

Ao parecer, este castroverdés estaba a repor o gasóleo ao seu tractor cando escorregou e perdeu o equilibrio, o que provocou que caese e impactase contra o chan desde certa altura. A caída provocoulle fortes golpes e contusións na zona da cabeza.

GRAVIDADE. Ante o desdichado contratempo, as persoas que se atopaban nas inmediacións do lugar no momento do accidente deron aviso aos servizos de urxencia. Acudiron ata a localidade efectivos do corpo da Garda Civil, ademais dunha ambulancia e o helicóptero do 061.

Ante o preocupante estado do home, decidiuse desprazalo nun helicóptero do 061 ata o hospital Lucus Augusti. Posteriormente, foi ingresado na Unidade de Coidados Intensivos á espera dunha valoración máis concreta sobre o seu estado.

Aínda que ao principio especulábase con que o suceso fose un accidente de circulación, finalmente sóubose que o sesaxenario se caeu cando o vehículo estaba parado e apagado.

Comentarios