Guntín aproba as súas contas cun aumento de investimentos de case o 25%

O orzamento total para o 2019 é de 2.100.000 euros â??O Concello construirá este ano unha pista de pádel

Jesús Carreira. J. VÁZQUEZ (alcalde de Guntín)
photo_camera Jesús Carreira. J. VÁZQUEZ

O Concello de Guntín contará cuns orzamentos de 2.133.000 euros para este ano 2019, o que suporá unha subida duns 135.000 euros con respecto aos da anterior anualidade. As contas foron aprobadas cos votos a favor do goberno presidido polo popular Jesús Carreira.

Este aumento no orzamento guntinés repercutirá directamente nos investimentos reais que ten previstas o Concello no presente exercicio. Se o ano pasado o importe dedicado a tal fin foi de 314.800 euros, en 2019 este apartado conta con 416.100 euros (case o 25% máis).

O alcalde mostrouse satisfeito con este incremento no diñeiro dispoñible, e mostrouse optimistas de cara ao futuro. "Sempre é importante poder aumentar os orzamentos. E esta cantidade das inversións esperamos que se poida incrementar ao longo do ano con outras aportacións ou subvencións", explicou Carreira.

Case a metade do orzamento de Guntín para o 2019 irá parar aos gastos correntes en bens e servizos

A maior parte desta cantidade irá destinada á mellora da rede viaria municipal e aos arranxos correspondentes en camiños e estradas, aínda que os investimentos tamén inclúen partidas para infraestruturas que aumentarán os servizos para a poboación de Guntín, como unha pista de pádel que se construirá no municipio ou o arranxo da escola de Santa Uxía, que terá un orzamento duns 36.000 euros.

O Concello tamén ten previsto cambiar a iluminación. "Instalaremos un novo sistema de alumeado con luces led, que permitirán un aforro enerxético importante e tamén un aforro económico para ou concello", comentou Carreira.

CONVENIO CO SERGAS. O dirixente local explicou ademais que nos orzamentos dedícase unha partida para adquirir un vehículo, necesario para pór en marcha un programa sanitario impulsado grazas a un convenio que porán en marcha o Concello e o Sergas, e que espera que estea en funcionamento na primavera. "Imos comezar a asistencia de crónicos a domicilios en colaboración co Sergas. En lugar de que unha persoa teña que vir ao centro médico a facer as curas, unha enfermeira poderá desplazarse aos domicilios para asistir á xente", comentou Carreira.

"Isto non quere dicir que o centro médico quede desatendido, xa que haberá outra enfemeira alí. Neste caso, o que aporta o Concello ao convenio é este vehículo para que os profesionais se poidan trasladar ata os fogares", engadiu.

Comentarios