Guido Álvarez e o GDR 4 sumarán forzas para a promoción turística da comarca de Lugo e da Ulloa mediante o impulso de varias rutas por ese territorio, co apoio tamén dos concellos que acollerán estes percorridos. Lorena López, xerente do GDR 4; María Ángeles Buján, concelleira de Cultura e Turismo de Friol, e o propio guía presentaron este mércores esta iniciativa, que botará a andar o 29 de xullo no municipio friolés.
Ese primeiro itinerario, que terá unha dificultade media/baixa, levarase a cabo ese último sábado de xullo entre as 11.00 e as 14.00 horas e o punto de saída e chegada será a Praza Andón Cebreiro, na capital municipal. Ao termo da ruta, de inscrición gratuíta, haberá un picnic con produtos locais e que estará amenizado por músicos da comarca.
Segundo explicaron desde o GDR 4, as restantes saídas deste programa de promoción turística terán por destino Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade.
Este proxecto enmárcase nunha estratexia global deste grupo de desenvolvemento rural para "poñer en valor as riquezas culturais, históricas, naturais, gastronómicas e artísticas de todos os concellos das comarcas de Lugo e da Ulloa". Desde o GDR 4 destacan tamén a traxectoria de Guido Guía e resaltan que recibiu varios premios nos últimos anos, como, entre outros, o Travelers Choice da plataforma TripAdvisor en 2022 e 2023 e o Lucense do Ano 2020, outorgado por este diario.
Para participar nestes percorridos —todos son de carácter gratuíto— hai que inscribirse a través do correo [email protected] ou do teléfono 982.23.80.00.