Friol despide unha edición do Friulio "espectacular, nunca antes vivida"

A Castronela deulles as grazas ás asociacións que participaron activamente no Friulio polo seu apoio "ao 100%" ► Entre os asistentes á festa en Friol estivo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que chegou por sorpresa na súa moto
A voda celta contou con numeroso público e varias intervencións. EP
photo_camera A voda celta contou con numeroso público e varias intervencións. EP

Os centos de persoas que se achegaron ata Friol esta fin de semana para desfrutar do seu particular regreso a 2.000 anos atrás converteron a sexta edición do Friulio nun evento "espectacular, nunca antes vivido".

Así o resumía o alcalde friolés, José Ángel Santos, tras pechárense, ata o vindeiro ano, as portas dese asentamento que mira ao Narla cheo de vida, de artesáns que traballan, de castrexos que brindan e de clans, si, que tamén pelexan.

O Friulio acabou, como é habitual, cos romanos vencendo tras a loita encarnizada polo tesouro do poboado entre dous bandos castrexos que, tras firmar a paz, se unen contra os de Roma. Pero a historia, por moitas veces que se escriba, remata sempre igual.

Antes si reinara a harmonía. Jorge e Marta, que casarán realmente o vindeiro mes de agosto, foron os protagonistas da voda celta, oficiada por Ana e Javier e que reuniu ducias de espectadores. A ela seguiuna o seu correspondente banquete a base de porco celta no castro Friulio.

Foron dous dos pratos fortes da xornada deste domingo, que comezaba coa apertura do mercado e coas demostracións de tear castrexo, ourivería, fiado e comercio, así como os obradoiros de tiro con macheta, de barro e de Lorica Hamata, e a Ordine Mutatio a cargo da Cohors III.

A voda celta de Jorge e Marta foi o preludio da liorta entre clans polo tesouro do castro

Os Valuros puxeron a nota musical e, como broche, A Castronela e o Concello entregaron os premios do certame de decoración de fachadas e escaparates. Nel, o restaurante Casa do Grande e Mercedes Freire alzáronse como os autores das mellores propostas das 48 que se presentaron. Así mesmo, a asociación Carballo Vivo é xa persoeiro de honra.

Este colectivo formou parte das máis de 35 entidades que colaboraron activamente para que esta edición fose posible. E a eles, o presidente da Castronela, Jesús Arias, agradeceulles o "apoio que demostraron ao 100%", ao tempo que avanzaba que xa pensan no vindeiro ano: "Hai que poñerse a traballar xa para pensar cousiñas novas coas que sorprender".

E é que desde o colectivo, que reúne 193 socios, dos cales uns 40 son nenos, non paran. Así, para dar forma ás escenificacións vividas ao longo destes dous días, boa parte dos integrantes reúnense, a partir do Nadal, "cada xoves" para practicar e ensaiar o futuro Friulio.

No concurso de decoración de escaparates e fachadas gañaron o restaurante Casa do Grande e Mercedes Freire

Incontables visitantes 

"Non hai palabras para describir o que pasou en Friol esta fin de semana", aseguraba José Ángel Santos, á vez que destacaba a afluencia rexistrada o sábado pola tarde pese aos múltiples actos que había ao tempo en Lugo e nos municipios dos arredores. "Sen poder dar un número exacto, estivemos en cifras similares á Feira do Queixo", engadía.

Alfonso Rueda á súa chegada ao Friulio en moto. EP
Alfonso Rueda á súa chegada ao Friulio en moto. EP

E entre todos eles, tamén políticos. O máis vistoso, quizais, foi o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que chegou por sorpresa a Friol na súa moto pouco despois do mediodía, pero tamén se puideron ver caras socialistas, como o secretario de organización do PSdeG, Luis Ángel Lago; a deputada autonómica Lara Méndez e os deputados provinciais Miguel Fernández e Iván Castro, que acompañaron á voceira socialista de Friol, Ana Pardo.

Comentarios