Friol afronta a última fase da urbanización do tramo urbano da LU-231

O Concello acometerá as obras a través do taller de emprego Cumes da Terra Chá, financiado con fondos autonómicos e propios
undefined
photo_camera Obras na LU-231 en Friol. EP

O Concello de Friol afronta a cuarta e última fase das obras para urbanizar o tramo urbano da estrada LU-231, que une a capital municipal con Palas. Farao a traves do taller de emprego Cumes da Terra Chá, financiado con fondos autonómicos, que este ano se cifran en 346.946 euros para os concellos de Friol, Begonte e Rábade, e tamén municipais.

As obras, cuxa primeira fase arrincou hai catro anos, terminarán en setembro. O alcalde do municipio, José Ángel Santos, explica que se trata dun proxecto que era "necesario, xa que a rúa non estaba urbanizada". A intervención pasou por crear a rede de rede de sumidoiros, así como beirarrúas e unha liña de estacionamento por ambas as marxes da vía. O concello agora busca fondos para dotala de iluminación.

O investimento total nesta obra, segundo comenta o rexedor municipal, sitúase en medio millón de euros. Deles, o gasto de persoal, que foi a parte subvencionada pola Xunta, ascende aos 260.600 euros. Pola súa banda, o Concello realizou un gasto en material de preto dos 285.000.

José Ángel Santos resaltou que "este tipo de obradoiros son de grande importancia para os participantes no mesmo, xa que supoñen unha formación práctica que poden utilizar no futuro laboral, ao mesmo tempo que teñen un contrato de traballo durante os meses que dura o obradoiro de emprego e se lles facilita a reincorporación ao mundo laboral", indicou.

"Ademais, realizan traballos necesarios e demandados polos veciños da zona onde está a actuarse", comentou o rexedor.

Comentarios