Pilar Ferreiro Iglesias, unha veciña de Castroverde de 83 anos de idade, faleceu no Hula aos dous días de ingresar no complexo hospitalario lucense tras ser atropelada o pasado sábado cando, ao parecer, cruzaba un paso de peóns na perigosa travesía da vila lucense.
O accidente produciuse ás 19.30 horas do sábado, momento no que había escasa visibilidade na zona. Foi á altura do número 118 da avenida de Rosalía de Castro, que é por onde cruza a capitalidade municipal de Castroverde a estrada que une Lugo e A Fonsagrada (LU 530).
Como consecuencia do impacto, Pilar Ferreiro recibiu un forte golpe na cadeira e outras partes do corpo, lesións das que finalmente non se puido recuperar.