Evacuados dous mozos tras chocar na súa moto cun camión en Outeiro de Rei

O accidente produciuse á altura de Buxán, na estrada de acceso a unha zona residencial de San Martiño de Guillar. Os lesionados, veciños da capital lucense, foron levados ao Hula

Accidente en Outeiro de Rei. SEBAS SENANDE
photo_camera Accidente en Outeiro de Rei. SEBAS SENANDE

Dous mozos de 24 e 21 anos foron evacuados este sábado pola tarde ao Hula despois de sufrir unha colisión frontal na moto na que viaxaban contra un camión.

O contratempo produciuse ao redor das 20.45 horas no lugar de Buxán, no punto quilométrico 1 da estrada provincial LU-P-3908, pola que se accede a unha zona residencial de San Martiño de Guillar desde a N-VI.

Segundo fontes do dispositivo mobilizado, ambos viaxaban nunha moto e impactaron de forma frontal contra un camión nun tramo curvo do trazado.

Tras recibir o aviso do incidente, a central galega de urxencias do 112 mobilizou a axentes do subsector de Tráfico de Lugo e a efectivos do parque comarcal de bombeiros de Vilalba, por se era necesaria a súa intervención para liberar ás vítimas do choque, traballos que non foron precisos.

Este despregamento de medios incluíu tamén o envío de persoal do 061 en dúas ambulancias, unha delas medicalizada, para o traslado dos feridos ao Hula.