O que esconden os muíños do Corgo

O concello alberga medio centenar de muíños a carón dos ríos Tórdea, Neira, Chamoso, Manzandán e Miño ► Actualmente non hai ningún funcionando
O muíño de Airexe na parroquia de Escoureda. SEBAS SENANDE
photo_camera O muíño de Airexe na parroquia de Escoureda. SEBAS SENANDE

OS MUÍÑOS forman parte dunha das construcións hidráulicas máis populares en Galicia, xa que tiveron un papel clave para o desenvolvemento da economía de subsistencia no rural dende a Idade Media. O concello de O Corgo conserva sobre medio centenar, que contan cunhas características moi distintas en función da época de edificación e dos usos que se fixeran deles anteriormente.

Os máis abundantes eran os muíños que movían as rodas utilizando o rodicio, unha peza de ferro situada na chamada "boca do inferno", nome que se lle daba pola intensidade coa que entraba a auga para a transformación do cereal que se empregaba posteriormente para consumo propio e para alimentar o gando.

"Os máis antigos foron levantados fai 200 anos e os máis novos terán uns 50", di Manuel Fernández, veciño do municipio que realizou un traballo fotográfico de catalogación para a revista Corga da comarca. "Decidín escoller o tema dos muíños porque me inspira moito a cultura tradicional tan rica que temos", argumenta o veciño. 

Ao longo dos 157 quilómetros cadrados que ten o concello, non existe ningún muíño activo na actualidade. "Poñelos en uso a día de hoxe para moer o trigo é complicado pero poderían empregarse para crear pequenas centrais eléctricas", propón Manuel, que asegura que se trata dunha "riqueza patrimonial importantísima" coa que se poderían relanzar outras industrias.

Para poñer en marcha estas construcións cómpre una concesión da Confederación Hidrográfica que concedería un permiso para modificar os cursos do río e a tala dalgunhas árbores. "O proceso é moi laborioso e leva anos levalo á práctica", explica Conchita González, propietaria do muíño Caldeireiro, xunto ao río Neira, que se atopaba aberto ao público cando o seu avó o construíu en 1937. "A min chegoume a concesión cinco anos despois de pedila", declara a corguesa.

O mantemento da zona que envolve os muíños é imprescindible para conseguir un funcionamento activo destas construcións. "Algúns deles están en paraxes moi interesantes, pero son de difícil acceso porque está todo sen limpar", expón o corgués.

Actualmente, os muíños da comarca, que se sitúan xunto aos ríos Neira, Tórdea, Chamoso, Manzandán e Miño atópanse invadidos pola maleza en rutas fluviais, polo que resultan bastante inaccesibles para promover a súa restauración como valor turístico, máis alá do seu funcionamento práctico.

Os muíños levan normalmente o nome da casa á que pertencen, xa que son propiedades privadas que en moitos casos supuxeron o sustento familar de moitos veciños da zona. Noutros casos, os nomes fan referencia aos topónimos da finca onde se atopan edificados. "Os que non tiñamos muíño en propiedade, pediamos unhas horas pola mañá aos donos para poder utilizalos", di Manuel, que recorda que os veciños aportaban grao para a fariña a cambio de empregar os servizos que daban estas construccións.