Entran a vivir os primeiros 10 usuarios da residencia de maiores de Castroverde

Incorpóranse entre este martes e mércores de maneira permanente, logo de que decidiran pasar o Nadal xunto ás súas familias
Residencia de la tercera edad de Castroverde. XESÚS PONTE
photo_camera Residencia de maiores de Castroverde. XESÚS PONTE

Os primeiros 10 usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Castroverde –Residencial O Castro- da Deputación de Lugo entran a vivir entre este martes e este mércores. A residencia permanecía en funcionamento dende o mes de decembro, pero os futuros residentes decidiron pasar as festas do Nadal na casa e comezar xa no mes de xaneiro de maneira continuada a súa estadía no centro.

A súa incorporación faise efectiva unha vez que se lles realizou unha proba PCR con resultado negativo, ao igual que o cadro de persoal que traballa no centro. O resto de ingresos irase facendo de maneira paulatina, tendo en conta a evolución da pandemia do covid-19 na provincia e tamén como se desenvolva o período de adaptación das persoas que xa entran a vivir esta semana. 

En canto á súa vacinación fronte ao covid-19, a Deputación informará ao Sergas destes novos ingresos e fixará coas autoridades sanitarias un novo calendario de vacinación para este centro.  

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deséxalles aos novos usuarios de Castroverde unha moi boa adaptación ao centro e celebra que o Residencial O Castro de Castroverde "estea xa cheo de vida, funcionando este servizo que sabemos que é moi esperado e demandado polo Concello e polos veciños e veciñas deste municipio e da comarca. Un servizo 100% público que favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, e a conciliación, pero que, ademais, dinamiza a economía local e crea postos de traballo, 30 empregos, o que contribuirá a fixar poboación neste concello e na zona".

Tomé puxo en valor a capacidade da Deputación para cumprir co seu "compromiso" de abrir antes de finalizar o ano esta residencia, aínda tendo en conta as dificultades que supuxo a pandemia, tanto a nivel sanitario como administrativo. “Contamos cun moi bo equipo, que, cun traballo impecable, fixo posible que poidamos abrir hoxe con todas as garantías sanitarias”, sinalou.

CARACTERÍSTICAS. A residencia pública sitúase no centro da vila de Castroverde, concretamente, entre as rúas Santiago e Alcalde Xetas. Conta cunha superficie útil de 1.800 metros cadrados, tendo en conta as zonas exteriores. O edificio divídese en dúas plantas, de 773 metros cadrados cada unha. 

Na baixa, sitúanse os servizos de enfermería, primeiros auxilios, cociña, lavandería, recepción, ademais dos espazos comúns, como o comedor ou as salas de lectura e televisión. Na planta alta, hai 24 habitacións con baño, das cales 16 son individuais e 8  dobres.

30 NOVOS EMPREGOS. Este centro creará máis de 30 novos empregos directos, que na súa maioría son da zona, un factor importante para fomentar un ambiente coñecido para os residentes e que favorece que a xente nova se quede a vivir no rural gracias a un emprego estable.

A maiores, o centro permite a creación de empregos indirectos e unha inxección económica no localidade, tendo en conta que os servizos de farmacia, produtos para a cociña, limpeza e demais, se adquiren no comercio de proximidade.

CINCO CENTROS. Co de Castroverde, a Deputación de Lugo conta con cinco centros públicos de atención a maiores abertos, pois súmase aos situados nos municipios de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada, con capacidade para máis de 200 veciños e veciñas.

Nos vindeiros meses está prevista a apertura da residencia de Pedrafita do Cebreiro e para o segundo semestre do ano as de Meira e Navia de Suarna.

O Orzamento 2021 da Deputación contempla 8 millóns de euros para as residencias, que se suman aos 14 xa mobilizados para centros que se están construíndo ou que están comprometidos. 

Comentarios