Endesa inicia a construción do parque eólico de Paradela

Ten unha capacidade total de doce megavatios

Un parque eólico. AEP
photo_camera Un parque eólico. AEP

Endesa, a través da súa división de enerxías renovables Enel Green Power España (EGPE), comezou a construción do parque eólico Paradela, situado no municipio lucense do mesmo nome e cunha capacidade total de 12 megavatios (MW).

Segundo informou a compañía, o investimento neste parque supera os 15 millóns de euros e cando entre en funcionamento, a finais deste mesmo ano, poderá xerar máis de 42 xigavatios ao ano.

Cando estea operativo, a enerxía producida polo parque eólico de Paradela, que estará dotado con seis aeroxeradores de 2 MW de potencia unitaria, evitará a emisión anual á atmosfera de aproximadamente 28.000 toneladas de CO2.

EGPE traballa simultaneamente en tres proxectos en Galicia, todos eles na provincia de Lugo, que suman 62 megavatios de potencia instalada e máis de 72 millóns de euros de investimento.

Ao de Paradela súmanse os parques de Serra das Penas, de 42 megavatios de potencia instalada, e o Reformado de Pena Ventosa, no Vicedo, de 8 MW, estes últimos cun investimento de 57 millóns de euros. "Endesa está a realizar un esforzo investidor moi importante en enerxías renovables para liderar a transición enerxética”, asegurou o CEO de Endesa, José Bogas.

Comentarios