Dous mozos de 24 e 26 anos apostan por Portomarín para abrir vivendas turísticas

Leticia Varela e José Antonio Capón son os propietarios de Portohome, un establecemento que incrementa a cada vez maior oferta hoteleira da vila
Leticia e José Antonio, propietarios de Portohome. EP
photo_camera Leticia e José Antonio, propietarios de Portohome. EP

"Dábanos respecto emprender, pero en canto vimos o potencial do lugar non o dubidamos. Estamos moi contentos coa acollida". Así explica a parella formada por Leticia Varela e José Antonio Capón, dous mozos de 24 e 26 anos, os inicios do seu novo proxecto empresarial, as vivendas turísticas Portohome I e Portohome II, que incrementan a cada vez maior oferta hoteleira de Portomarín.

E é que tanto Leticia coma José Antonio —ela de Sarria e el de Portomarín— medraron rodeados de peregrinos e en contacto constante co Camiño de Santiago. "A afluencia de camiñantes foi importante para decantarnos pola zona. No verán, incluso se ten que abrir o pavillón para que a xente se quede e vimos unha boa oportunidade", di Leticia.

Aínda así e a pesar da proximidade das vivendas á ruta xacobea, á parella gustaríalle diversificar a súa clientela polo "moito que ten que ofrecer a vila, unhas das máis bonitas de España". Desta forma, Portohome estaría especialmente enfocado "a grupos e familias que queiran vir pasar uns días e visitar Portomarín e outros enclaves".

O recén estreado negocio, situado no centro urbano e moi preto das igrexas de San Xoán e San Pedro, conta nestes momentos con dúas vivendas con capacidade para dez persoas. Nese sentido, cada unha está equipada con "catro habitacións, cociña, salón, dous baños, garaxe e xardín".

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Una publicación compartida de 🔸LETI VARELA🔹 (@leti_lv)

E o certo é que a aposta foi forte para dous mozos de tan só 24 e 26 anos que se lanzaron á súa primeira aventura no sector hostaleiro, polo momento, con bastante éxito. "Estamos moi contentos coa acollida, tanto a nivel de reservas como nas redes sociais", conta Leticia.

Un mundo, o virtual, cada vez máis fundamental para poñer a andar este tipo de negocios. "Eu adícome a este mundo", di Leticia, "e paréceme un escaparate moi bo para que a xente moza se anime a emprender, que vexan que si se pode".

Un sector en auxe

Nos últimos tempos, a localidade non deixou de sumar establecementos hoteleiros, en gran parte motivados pola proliferación de peregrinos que fan da vila un lugar de paso obrigado no seu camiño cara a Compostela.

O aloxamento Portomarín Star foi un dos últimos en inaugurarse na vila. Posto en marcha desde o pasado 22 de marzo da man do taboadés Miguel López Ferreiro, fixo que a localidade chegase a rozar as 2.500 prazas hoteleiras. O Concello tería cinco licenzas en marcha que sumarían outras 200 nun período de cinco anos.

Comentarios