Tres detidos e un investigado en Outeiro de Rei nunha operación contra a mafia chinesa

A rede desarticulada dedicábase ao tráfico de drogas e ao branqueo de capitais. Actuaban desde varias provincias e en Lugo tiñan un centro de cultivo de marihuana, que empaquetaban e enviaban mediante empresas de mensaxería
photo_camera Armas e parte do diñeiro en efectivo requisado nesta operación. P.N.

A operación Orégano, levada a cabo a nivel estatal e de forma conxunta pola Policía Nacional, a Garda Civil e a Axencia Tributaria para desarticular unha rede de mafia chinesa, saldouse con tres detidos e un investigado en Outeiro de Rei.

O aparello criminal desarticulado dedicábase presuntamente ao tráfico de drogas internacional e ao branqueo de capitais. No conxunto do estado foron detidas 38 persoas nas provincias de Lugo, Madrid, Salamanca, Toledo, Asturias e As Palmas.

Segundo fontes do operativo, a rede dispuña en Outeiro de Rei dun centro de produción de marihuana indoor, de cultivo interior. Para iso, e debido ao forte consumo eléctrico que supón este tipo de plantación interior, situáronse nun lugar que lles permitiu enganchar a luz á rede pública de subministración.

Desde a provincia tamén empaquetaban a droga ao baleiro en bolsas de aproximadamente un quilogramo de peso que enviaban ao estranxeiro, fundamentalmente a outros países europeos. Para iso, servíronse de empresas de mensaxería e paquetería, alleas neste caso ao proceso delituoso. De feito, fontes do operativo destacaron a colaboración destas compañías para detectar as características dos paquetes sospeitosos.

Destas 38 persoas detidas, todas elas de nacionalidade chinesa, un total de 23 ingresaron en prisión, entre elas as tres detidas en Outeiro de Rei, tras ser postas a disposición do xulgado de instrución número 4 de Salamanca, onde se iniciou a instrución e decretouse a prisión preventiva para estes individuos. A rede estaba composta na súa maioría por homes, pero tamén por algunha muller, todos de idades diversas.

En total, as forzas e corpos de seguridade do Estado interviñeron máis de media tonelada de marihuana, dous quilogramos de metanfetaminas, 160.000 euros en efectivo, sete vehículos de alta gama, xoias e reloxos de luxo, así como dous armas de fogo modificadas.

Ademais, levaron cabo 30 rexistros en domicilios, establecementos comerciais e empresas de paquetería. Foron desmanteladas outras dúas plantacións de marihuana, tamén interiores, e incautada máis de media tonelada de marihuana preparada para o seu envío ao estranxeiro.

CRIME ORGANIZADO CHINÉS. En abril de 2018, tras detectar o envío de grandes cantidades de marihuana a Francia para a súa posterior comercialización, iniciouse a investigación que situou unha organización criminal chinesa detrás deste tipo de actividades, utilizando unha rede de empresas de paquetería postal rexentadas por cidadáns chineses como elemento intermediario facilitador da súa actividade ilegal e tamén empresas de paquetería desvinculadas do proceso delituoso.

Este grupo desmantelado estaba jerarquizado e tiña un alto grao de especialización e profesionalidade. Estaba estruturado en células encargadas do cultivo de forma masiva en plantacións en naves industriais e vivendas illadas de gran tamaño, e outras encargadas do envase e envío ao estranxeiro mediante empresas de paquetería.

Os investigadores puideron detectar como este tipo de organizacións criminais chinesas asumiron o cultivo e adquisición desta sustancia en España para posteriormente empaquetarla e distribuíla a outros países da contorna como Francia, Alemaña, Reino Unido, Italia ou Países Baixos.

Segundo fontes do operativo, estas organizacións adoptan un alto grao de hermetismo nas zonas onde se asentan, tratando de pasar desapercibidas e dificultando a súa detección. A pesar diso, a coordinación establecida durante a operación permitiu a identificación e desarticulación deste grupo mafioso.

[Pistola requisada. P.N.]

BRANQUEO DE CAPITAIS. Outros membros da organización criminal usaron os mesmos canles de envío para mandar grandes cantidades de efectivo a países como Italia ou Portugal, incluso de ata 100.000 euros no seu interior. Estímase que poderían estar evadindo ata medio millón de euros de forma mensual.

Durante os rexistros acháronse 160.000 euros escondidos en dobres fondos, que ían ser empaquetados e enviados a países como Italia e Portugal.

Aos detidos, algúns deles en situación irregular, impútanselles delitos de organización criminal, contra a saúde pública, usurpación de estado civil e outros accesorios que lles permitían perfeccionar o seu modus operandi. Aqueles que se atopaban en situación irregular utilizaban documentos doutros cidadáns chineses, prestados ou roubados.