O detido por conducir sen carné e ocultarse no Hula ía a un xuízo

O mozo, un corgués de 19 anos mutirreincidente, viaxaba no coche dunha amiga, que xa foi imputada varias veces por deixarlle o turismo

Axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo detiveron a un mozo que non obtivo nunca o carné de conducir e que foi sorprendido multitude de veces ao volante. O arresto do mozo –de 19 anos e con domicilio no municipio lucense de O Corgo– produciuse a semana pasada cando conducía un turismo pola A-6 en dirección aos xulgados da capital, onde precisamente ía ser xulgado por outro delito de tráfico.

Os feitos remóntanse ao día 16, cando unha patrulla da Garda Civil observou que un mozo, "do que se tiña coñecemento que carecía de permiso de condución", circulaba ao volante dun turismo pola autovía A-6 (Madrid- A Coruña), en sentido crecente. O mozo xa fora investigado a semana anterior por conducir ese mesmo coche a pesar de non ter carné.

Os axentes déronlle o alto, "facendo uso dos sinais ópticos e acústicos do vehículo oficial", pero o condutor non se detivo. De feito, acelerou a marcha pola citada autovía, entre os quilómetros 488 e 493, e seguiu o seu camiño polas estradas LU-530 e LU-21, ata chegar ao aparcadoiro do servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti, onde estacionou o vehículo.

O mozo aparcou entre varios turismos coa intención de despistar aos axentes, pero foi interceptado e detido "como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo a motor sen obter nunca o título habilitante para iso", sinalou a Benemérita.

REINCIDENTE. Tras o seu arresto, os gardas comprobaron que o mozo é un infractor multirreincidente, xa que conta con varias investigacións nos últimos meses por conducir sen obter nunca o permiso de conducir. Ademais, só no que vai de ano o mozo xa foi condenado en tres ocasións "por idénticos delitos".

A falta de respecto deste condutor cara á seguridade viaria chega a tal punto que, cando foi sorprendido polos axentes, dirixíase aos xulgados da capital lucense, xa que fora citado en calidade de investigado por outro delito contra a seguridade viaria, tamén por conducir un vehículo a pesar de non ter carné.

Tal e como confirmaron desde o instituto armado, "no marco da investigación procedeuse tamén ao comiso do turismo, que foi posto a disposición da autoridade xudicial". O coche non é propiedade do mozo, "pero se logrou acreditar a habitualidad no seu uso por parte do detido", explicaron.

Os axentes de Tráfico –coa colaboración da Policía Local– procederon á retirada do vehículo, que foi trasladado polo guindastre municipal desde o aparcadoiro do Hula ata o depósito de O Ceao, "onde permanecerá a expensas do que determine o xulgado", apuntaron.

A propietaria do coche, amiga do detido, tamén foi imputada como "cooperadora necesaria", xa que lle deixou o vehículo ao mozo sabendo que non podía conducir porque non tiña carné. A muller xa fora investigada anteriormente polos mesmos feitos.

CONDENA. A Garda Civil sinalou onte que o detido enfróntase a unha condena por conducir sen obter nunca o carné, "un delito castigado coa pena de prisión de tres a seis meses, ou coa de multa de doce a vinte e catro meses, ou coa de traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días". A titular do vehículo afronta as mesmas penas como colaboradora necesaria para a comisión do delito.

Os axentes do subsector de Tráfico de Lugo queren facer especial fincapé en que, "ademais das posibles sancións económicas, este tipo de condutas poden traer aparellado o ingreso en prisión e tamén o comiso do vehículo, incluso aínda que estes non sexan titularidade do detido, ao considerar o vehículo a motor ou ciclomotor utilizado como instrumento do delito".