Deteñen a tres veciños de Lugo por roubar puntais valorados en 15.000 euros

Foron subtraídos nas inmediacións de Monte Ferreira, en Castroverde

Axentes da Garda Civil detiveron na localidade de Vilalba a tres veciños de Lugo, de 19, 32 e 44 anos de idade, como supostos autores do furto de varios puntais de ferro que foron valorados polo seu propietario en 15.000 euros.

Segundo informou a Garda Civil, os puntais foron subtraídos nas inmediacións de Monte Ferreira, no termo municipal de Castroverde.

Os tres sospeitosos pasaron xa a disposición da autoridade xudicial.

Tamén foron postos a disposición xudicial dous veciños de Lugo de 20 e 37 anos de idade acusados de roubar diverso material nunha empresa da Fonsagrada, valorado en 4.800 euros polo seu propietario.