Descubrir Rábade ao ritmo dos pés

Este itinerario rabadense percorre os límites do municipio ofrecendo aos camiñantes a posibilidade de visitar lugares que quedaron no esquecemento. A vía foi recuperada polo Concello, que prevé ampliala proximamente para aumentar o número de puntos de interese para o público que se anime a descubrila

Camiño Real de Rábade. XESÚS PONTE
photo_camera Camiño Real de Rábade. XESÚS PONTE

PÓDESE PERDER UN en Rábade sen chegar a saír dos seus límites. O municipio con menos extensión da provincia -e o segundo máis pequeno de Galicia- pode percorrerse a través dunha ruta de sendeirismo que achega os camiñantes a sitios descoñecidos para moitos.

A Ruta Perimetral Rabadense (RPR) é un itinerario circular que ao longo de dez quilómetros atravesa un total de 38 puntos de interese. O Concello procurou o ano pasado recuperar parte do trazado que co paso do tempo "fora quedando impracticable nalgúns puntos", segundo explica o alcalde, Francisco Fernández Montes. Para esta tarefa, os efectivos municipais tiveron que empregar maquinaria para abrir "algúns camiños totalmente cerrados e cubertos con maleza", engade.

O paso seguinte foi sinalizar correctamente o percorrido, elaborando un mapa do itinerario e colocando os correspondentes mollóns ao longo do camiño. Logo deses traballos, a ruta estaba lista para ser utilizada. "O feito de que se poida acceder dende calquera punto atrae moitos camiñantes", di Fernández Montes, que ve unha clara afluencia de habitantes da vila. "É sorprendente porque moita xente de aquí me di que non tiña nin idea de bastantes cousas que hai no percorrido", explica.

DESCUBRIMENTOS. Localizacións coma a Fontevella son pouco familiares incluso para algún rabadense. "Esta zona tiña a función de lavadoiro hai unhas cantas xeracións. A pesar de que era un punto concorrido, co paso do tempo foise perdendo a consciencia de que este lugar seguía existindo", conta o rexedor.

Fontevella de Rábade. XESÚS PONTEEste manancial non está no propio itinerario, pero só dista uns 50 metros do camiño principal. Unha das ideas que manexa o Concello de Rábade é a de ampliar o trazado para poder indicar de xeito oficial este tipo de emprazamentos. "Temos previsto, ademais, crear unha ruta urbana que se poida combinar con esta durante o inverno, cando as condicións de tránsito se complican", afirma Fernández Montes.

A estes lugares máis ocultos acompáñanos outros puntos máis recoñecibles da vila, como as Insuas do Miño ou a Lagoa do Rei. E é que se pode observar toda a periferia de Rábade por este camiño, que durante varios metros funciona como liña divisoria nos límites cos municipios colindantes. Un exemplo claro é o Camiño Real, unha antiga vía que unía un lado e outro do río Miño e que fai de marco con Outeiro de Rei ao longo de case un quilómetro.

Casa Caxao de Rábade. XESÚS PONTEDe feito, todo o antigo ten suma importancia na RPR. O alcalde apunta que foi necesario recorrer a "catastros e mapas doutras épocas para respectar ao máximo os nomes de todos os puntos".

A accesibilidade e un mundo por descubrir son os principais atractivos da ruta. Esta quere seguir ofrecendo cousas novas -pero antigas- por moitos anos que pasen polos seus camiños.

Comentarios