viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

Denuncian a presenza ilegal de cazadores nun monte de Portomarín

"Queremos unha reunión co presidente da federación provincial de caza", aseguran desde o monte veciñal de Vilaxuste

A directiva do monte veciñal en man común de Vilaxuste (Portomarín) denunciou, en dúas ocasións, a presenza ilegal de cazadores nos seus terreos. Presentou as denuncias pertinentes no cuartel da Garda Civil.

A primeira delas produciuse o domingo 21, cando varios veciños alertaron de ruído de disparos en terreos dos comuneiros. "Non nos parece normal que haxa xente cazando en zonas de prohibición porque podían poñer en perigo as persoas", explicaron desde o colectivo.

A historia repetiuse o xoves e avisaron de novo os veciños. "Era, ademais, un día de néboas. Non nos molesta xa que se cace nun lugar no que está prohibido cazar, senon que o que máis nos preocupa é a seguridade da xente. Dous veciños que estaban a pasear déronnos a entender que pouco faltou para que os alcanzase unha bala", comentaron.

"Queremos unha reunión co presidente da federación provincial de caza. Estas cousas teñen que controlarse porque deixan quedar mal aos cazadores cando a maioría fai ben as cousas. E se o problema persiste, reunirémonos co subdelegado do Goberno ou con quen sexa para tratar de atallar esta cuestión", dixeron.

A asemblea veciñal acordou en agosto non renovar os dereitos cinexéticos ao tecor Monte Pena Maior e a licenza agora pertence á empresa Tecsages.

Denuncian a presenza ilegal de cazadores nun monte de Portomarín
comentarios