Unha veciña de Vilaxuste, en Portomarín, denunció este mércores publicamente os danos sufridos en leiras da súa propiedade que lindan co monte mancomunado da mesma parroquia. Tamén acompañou o seu testemuño con fotografías, nalgunhas das cales figura a maquinaria do parque móbil da Deputación de Lugo.
Ante esta situación, o alcalde do municipio, Juan Serrano, acusa ao organismo provincial de estar a incorrer nun mal uso das súas dotacións, de causar danos e de non solicitar os permisos debidos ao Concello.
A veciña que puxo no seu coñecemento os danos detectounos hai unha semana. Entre eles sitúase "a destrución de dous muros de dúas leiras e varias árbores derrubadas", comentou. Asegurou que se puxo en contacto coa comunidade de montes, pero que non obtivo resposta, e que se dispón a solicitar un informe pericial dos danos.
Pola súa banda, o alcalde indicou que desde o Concello tiveron que reparar "varios postes de alumeado público que foron derrubados coa actuación", e cuestionou o uso da maquinaria do parque móbil por, supostamente, realizar unha intervención privada, "pois unha comunidade de montes é unha propiedade de varios veciños", con bens públicos.
O alcalde, Juan Serrano, recriminou ao ente provincial "non pedir permiso para realizar obras e facer mal uso do parque móbil"
"Eu dou a benvida a calquera obra, sexa quen sexa quen a acomete, pero as cousas non se poden facer así", matizou Serrano, quen recriminou "os danos causados" e o feito de non recibir "ningunha solicitude de permiso para operar nos camiños que eran públicos", comentou.
Desde a dirección da comunidade de montes de Vilaxuste dixeron non ter coñecemento de ningunha obra realizada no lugar, máis que das levadas a cabo por Fenosa nunha rúa dunha liña de media tensión hai quince días —que non se corresponden coa zona dos danos—, ou das que encomendaron a unha "empresa privada" para limpar cortalumes como medida de prevención de incendios "hai máis de dous meses", segundo indica o secretario, Marcos Sánchez.
En contradición co exposto pola directiva da comunidade de montes, desde a Deputación de Lugo, con todo, recoñecen que lles foron solicitadas obras de limpeza por parte da "asociación de veciños do monte comunal", pero negan calquera dano causado por elas.