O Corgo queda sen viveiro industrial por problemas coa adxudicataria

O Concello rescinde o contrato coa empresa e tomará medidas legais contra ela por non cumprir os prazos fixados. Terá que renunciar a unha subvención de 240.000 euros da Xunta

O concello do Corgo non contará este ano co esperado viveiro de empresas que se ía a construír no polígono industrial da localidade. O goberno local vese obrigado a rescindir o contrato á empresa adxudicataria por incumprir os prazos fixados para a construción da obra.

O pleno corgués aprobou por unanimidade na noite do xoves esa rescisión do contrato á firma, que tiña 45 días para executar uns traballos que aínda non arrincaron e tiñan que estar listos a finais deste mesmo mes. O rexedor local, o 'popular' Felipe Labrada, explicou que debido a este contratempo o Concello do Corgo perderá unha subvención de 240.000 euros da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia para financiar esta construción.

Anunciou ademais medidas legais contra a firma e avanzou que desde o goberno local non renuncian a este proxecto, polo que volverán concorrer á subvención autonómica na próxima convocatoria, que previsiblemente será o próximo ano. "É unha axuda que saca o Goberno galego desde hai tempo anualmente, polo que esperamos poder concorrer a ela de novo no ano 2020", avanzou o alcalde corgués.

O goberno local volverá concorrer á subvención autonómica na próxima convocatoria para seguir adiante co proxecto

Ao parecer, a empresa alegou que os problemas na execución do proxecto debéronse á falta de subministración de material de obra por parte unha firma externa. O dirixente local lamentou esta circunstancia, pero indicou que "os prazos fixados son totalmente rigorosos e firmes, sobre todo cando estamos pendentes da axuda dunha administración para poder sufragar a actuación".

Estaba previsto que o novo viveiro de empresas corgués construísese nunha parcela de 2.037 metros cadrados. A infraestrutura municipal contaba cunha nave con planta baixa con despachos, recepción, vestíbulo, aseos, vestiarios e sete locais para emprendedores, ademais dunha primeira planta con sala de reunións, despachos e un aseo.

OUTROS ASUNTOS

No pleno saíu adiante ademais unha proposta do equipo de goberno para rebaixar á metade o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (Icio) para instalacións que teñan un uso ligado ao sector agroforestal. O concelleiro do BNG, Mario Outeiro, recordou que esta mesma moción xa a levou o seu grupo ao pleno de agosto e foi aprobada por unanimidade.

Na sesión tamén se aprobou unha modificación de crédito de 20.000 euros para contratar a outro traballador para o Punto de Atención á Infancia, outra de 6.000 para instalar paneis formativos de elementos catalogados en varios puntos do municipio, unha de 150.000 para un convenio marco coa Fegamp dirixido a garantir a subministración eléctrica no concello e unha de 50.000 euros para diversas obras.

Aprobouse ademais por unanimidade unha moción do BNG para crear un punto limpo no municipio e outra para impulsar unha mellora do servizo ferroviario e a posta en marcha das estacións eliminadas. Saíu adiante unha iniciativa do PSOE para contratar a outra persoa no PAI e Cidadáns levou unha pregunta para interesarse pola dotación dunha traída de auga en Campelo.

Comentarios