O Corgo contratará unha persoa para recoller o patrimonio inmaterial local

O pleno aprobou unha modificación de crédito para crear unha bolsa de emprego, iniciativa impulsada a instancias do BNG
 
Felipe Labrada. EP
photo_camera Felipe Labrada. EP

O pleno do Corgo aprobou este mércores unha modificación de crédito para contratar unha persoa que recolla o patrimonio inmaterial do municipio. O alcalde, o popular Felipe Labrada, puxo en valor esta iniciativa impulsada a instancias do BNG.

Os nacionalistas presentaron unha moción neste sentido hai tres anos e agora o Concello consignou a partida necesaria para facela realidade. Deste xeito crearase unha bolsa de emprego para incorporar unha persoa universitaria encargada de buscar "lendas, contos, fotografías antigas, refráns e todo tipo de material do noso concello para evitar que se perda", dixo o rexedor.

O goberno local constituiu un tribunal para elaborar as bases para levar a cabo o proceso selectivo. Desde o BNG mostráronse "ilusionados" de que esta iniciativa saíse adiante. "Estamos contentos de que finalmente se faga realidade. Consideramos fundamental que se leve a cabo este traballo minucioso para evitar que o noso patrimonio inmaterial se perda", dixo o portavoz nacionalista, Mario Outeiro.

MOCIÓNS. Na sesión plenaria aprobáronse ademais por unanimidade todas as mocións presentadas pola oposición. O BNG levou unha iniciativa para realizar actuacións de mantemento na Vía Romana XIX, cuxo trazado coincide coa vía XX no municipio. Expuxo tamén dous rogos, para mellorar o pavimento do trazado do memorial Quique Casanova e a limpeza da avenida Darío Díaz.

O PSOE levou unha moción para aprobar as emendas que o grupo parlamentario do PSdeG-PSOE presentou aos orzamentos da Xunta en 2019. Entre elas, destaca a elaboración do proxecto para construír un edificio multiusos no Corgo, reforzar o centro de saúde cun pediatra ou crear un centro de noite para maiores.

Comentarios