O Congreso valida melloras viarias en Outeiro de Rei

A proposta de En Marea implica reforzar a seguridade na N-VI

LUGO. A comisión de seguridade viaria do Congreso deu luz verde onte a unha proposición non de lei de En Marea para que se emprendan actuacións de mellora da N-VI ao seu paso por Outeiro de Rei. A iniciativa saíu adiante sen votos en contra aínda que coa abstención do PSOE, ao non admitirse unha emenda socialista que, para En Marea, «carecía dun compromiso concreto» sobre esas obras.

A deputada de En Marea Alexandra Fernández detallou que o acordo alcanzado implica a construción dunha rotonda na intersección da N-VI co acceso á autovía A-6, a instalación de pasos peonís e semáforos e a dotación de vías de servizo, beirarrúas en ambas as marxes da calzada e zonas de aparcadoiro.

Ademais, tras negociacións co PP para solicitar o seu apoio, tamén se reclamou que se aplique con carácter de urxencia un novo asfaltado na N-VI entre Rábade e o enlace co viario provincial LU-3908 no barrio de Buxán, para evitar riscos polo mal estado do pavimento.

Na súa intervención, Alexandra Fernández apelou « necesidade» de facer unha reforma integral da N-VI porque «adoece de moitos tramos en mal estado ou problemáticos». Fixo fincapé en que en moitos casos, como en Outeiro de Rei, esa estrada converteuse nunha travesía urbana, polo que urxe actuar en zonas similares para reforzar a seguridade.

Tamén acusou ao anterior Executivo central, do PP, de falla «de vontade» para cumprir acordos similares ao aprobado o martes.

Comentarios