Conde destaca a mellora constante mediante a innovación de Inoxidables de Rábade

O conselleiro de Economía visitou as instalacións da empresa
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Un momento da visita de Franciso Conde. XESÚS PONTE

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, erixiu a Inoxidables de Rábade, pertencente ao Grupo Irestal, en exemplo de empresa que cre na mellora constante de produtos, procesos e servizos a través da innovación. 

Así o destacou durante unha visita en Outeiro de Rei ás instalacións desta empresa que desenvolve un plan de investimentos a tres anos que ascende a 8 millóns de euros aos que a Xunta achega 1,3 millóns a través da liña de préstamos participativos de Xesgalicia. 

Segundo indicou, o obxectivo é aumentar a capacidade produtiva un 17%, incrementar as exportacións máis dun 25%, incorporar novas tecnoloxías e consolidar emprego na planta, onde traballan medio centenar de persoas. 

Neste sentido, Conde destacou que se debe recoñecer o esforzo polo impacto que ten á hora de favorecer o desenvolvemento industrial da comarca de Lugo, ao exercer de efecto tractor sobre o tecido industrial alí asentado. 

Conforme sinalou o vicepresidente económico, é unha empresa que opera nun mercado tan internacionalizado como diverso; é dicir, exporta máis do 54 por cento da súa produción e fornece a distintos sectores como o químico, a automoción, o sanitario, no ámbito dos intercambiadores de calor e, ultimamente, está a entrar no sector da enerxía termo solar. 

Ademais, Conde sinalou que se trata dunha empresa que aposta pola innovación e a eficiencia como fórmula para gañar en competitividade, algo que a Xunta promove no conxunto do tecido industrial galego para que afronte con éxito a transición ecolóxica e dixital. 

A este respecto, destacou que a nova Estratexia de Internacionalización de Galicia centra todos os apoios na dixitalización e a diversificación de mercados para conseguir os 25.000 millóns de euros anuais en exportacións en 2025. 

Comentarios