Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

Concello e Xunta selan o acordo para reformar o centro sociocultural de Friol

Santos, reunido con Rey. EP
Santos, reunido con Rey. EP

A obra, que terá un custo de 400.000 euros, chegou a orixinar un tenso enfrontamento entre o alcalde e o conselleiro de Política Social

O Concello de Friol e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración para rehabilitar o centro sociocultural da localidade. A consellería de Política Social financiará a totalidade da reforma, que terá un custo de 400.000 euros repartidos en dúas anualidades.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos, plasmaron a súa firma nun acordo que permitirá a reforma "integral" do edificio, segundo informaron do Concello.

"O obxectivo último que se pretende con estas obras é rehabilitar e tratar de mellorar na medida do posible a totalidade das plantas interiores, como tamén eliminar humidades procedendo ao illamento de paredes e á renovación da cuberta. Trátase de que esta mellora sexa integral dadas as malas condicións nas que se atopa o centro na actualidade", explicou o rexedor da localidade friolesa.

O centro sociocultural de Friol inaugurouse no ano 1997 e, actualmente, conta cun salón de actos —cuxa capacidade supera as 300 persoas—, a biblioteca municipal e diversas aulas nas que levan a cabo distintas actividades, clases ou charlas.

A nova redistribución do interior do edificio permitirá aumentar a funcionalidade do inmoble. José Ángel Santos quixo mostrar o seu "agradecemento" á Xunta e ao conselleiro de Política Social pola "súa implicación" para levar a cabo a rehabilitación do inmoble, situado na céntrica rúa Diputación.

RELACIÓN MELLORADA. O agradecemento de Santos a José Manuel Rey contrasta cos rozamentos que protagonizaron ambos no pasado, precisamente pola falta de entendemento á hora de chegar a un acordo para rehabilitar este edificio.

En marzo deste mesmo ano, o rexedor friolés chegou a pedir a dimisión de Rey por "ignorar" ao municipio e as súas peticións. Santos criticaba que a Xunta non cumprise "con ningún dos dous principais proxectos que tiña comprometidos", a residencia da terceira idade e a reforma do centro sociocultural.

O compromiso do conselleiro e a firma do convenio fixeron que Santos cambiase o ton das súas palabras. O rexedor confía agora en que se poida "continuar" colaborando coas distintas administracións para facer fronte aos distintos proxectos que contribúan a mellorar "a calidade de vida" dos habitantes do municipio.

Concello e Xunta selan o acordo para reformar o centro...
Comentarios