Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

O Concello de Portomarín subvencionará canóns de auga en cisternas agrícolas

Juan Serrano e outros membros da comunidade. VICTORIA RODRÍGUEZ
Juan Serrano e outros membros da comunidade. VICTORIA RODRÍGUEZ

Sufragarase ata o 50% do custo total. O rexedor precisa que a medida servirá para axudar na extinción de incendios 

O Concello de Portomarín axudará a financiar a compra de canóns de auga para cisternas agrícolas. O alcalde, Juan Serrano, aclarou que é unha decisión vinculada á loita contra os incendios.

O orzamento para esta iniciativa será duns 20.000 euros, provenientes das arcas municipais. Estas subvencións sufragarán ata a metade do custo total dos grupos de bombeo e os canóns, que posteriormente poderán ser axustados ás cisternas. Os prezos destes dispositivos oscilan entre os 4.000 e os 6.000 euros.

O obxectivo principal desta medida, segundo explica o rexedor, é que "se nalgún momento precisásese a axuda cidadá de novo, coma na vaga de lumes do ano pasado, esteamos o máis equipados posible". "Todos os efectivos son benvidos", engadiu Serrano. A idea xorde tras a onda de incendios forestais que arrasou a comarca o pasado ano, nos que a colaboración cidadá resultou clave para apagar os lumes.

Para que estes sistemas de extinción se atopen o máis distribuídos posible, acordouse dividir o territorio do municipio en catro sectores, abarcando varias parroquias e garantindo así a existencia de polo menos un canón por sector.

Aínda que o prazo de solicitudes non está aberto aínda, desde o Concello prevese que a convocatoria salga publicada no Boletín Oficial da Provincia nas próximas semanas. O prazo para tramitar as peticións será dun mes a partir dese momento.

PREVENCIÓN. O alcalde de Portomarín, o popular Juan Serrano, afirma que o que se pretende con esta nova medida é "dar un importante empuxón a todos aqueles que teñan en mente adquirir un canón de auga con anterioridade". "Cómpre aclarar tamén que os beneficiarios da subvención non poderán actuar sobre o lume directamente", continuou Serrano, posto que "non se pretende correr riscos innecesarios".

O labor deste equipamento é o de regar e refrescar zonas próximas aos lumes, para impedir así o seu avance descontrolado. Será indispensable, ademais, seguir en todo momento as indicacións do director de extinción de incendios.

As cisternas agrícolas acostuman exceder os 10.000 litros de capacidade, un volume de carga amplamente superior ao dos camións de bombeiros. "Unha cisterna é moito máis operativa, ademais de que con estes novos dispositivos poderase esparexer auga a máis de 60 metros de distancia", explicou o alcalde, quen se mostra "convencido de que esta é unha gran medida".

Prevese que o orzamento disposto polo Concello de Portomarín financie a compra de ata dez canóns de esparexemento de auga e grupos de bombeo.

Condicionantes
Requisitos mínimos para as solicitudes
Os interesados na subvención terán como condición posuír unha cisterna cunha capacidade superior aos 10.000 litros, ademais de estar empadroados na localidade.
Colaboración
O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, asegurou que os efectivos de extinción de incendios do Concello son máis que suficientes, aínda que "nunca está de máis contar coa colaboración dá veciñanza".

O Concello de Portomarín subvencionará canóns de auga en cisternas...
Comentarios