O Concello de Portomarín poxa catro postos do mercado municipal

O recinto conta con once prazas e sete están ocupadas. A concesión é por un período máximo de 20 anos

O Concello de Portomarín sacou a concurso público o aluguer de catro postos do mercado municipal, concesión cunha duración mínima de cinco anos e máxima de 20. O feiral conta en total con once emprazamentos, dos cales están ocupados sete e os catro restantes son os que agora saen a poxa.

O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, explicou que o Concello xa recibiu nos últimos tempos varias solicitudes para poder ocupar estes postos baleiros, polo que consideran que este é o momento de facer o concurso público para optar aos mesmos. "Hai xente que ten expectativas de montar cousas no mercado municipal. O certo é que antes, cada vez que había unha solicitude comezaba o procedemento de adxudicación, pero agora decidimos aglutinar un pouco máis os procesos porque, a pesar de que non é un trámite especialmente complexo, se que supón un traballo", afirmou o rexedor.

Os postos que saen a concurso son o número tres, cunha superficie de 43,22 metros cadrados; o número nove (25,31 metros cadrados); o número dez (21,69) e o número once (46,70).

O custo do aluguer está regulado pola ordenanza municipal reguladora do mercado, e os licitadores deberán presentar unha garantía provisional do 3% do valor de cada posto de acordo ao Regulamento de Bens das Entidades Locais. Neste caso, o importe correspondente aos diferentes postos será o seguinte: posto 3 (2.041,78 euros), posto 9 (1.256,45), posto 10 (1.097,30) e posto 11 (2.143,90).

Os interesados en optar a un destes postos do mercado municipal de Portomarín deberán presentar as súas ofertas nos 15 días naturais posteriores ao día seguinte da publicación do anuncio de licitación, que se fixo público este pasado luns, a través do Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O Concello de Portomarín establece os seguintes termos para puntuar as ofertas recibidas: mellora do canon establecido (ata dous puntos); empresas creadas por emprendedores con menos de 40 anos (un punto); empresas creadas por desempregados (un punto); actividades innovadoras ou que inclúan algún elemento innovador (ata un punto); memoria descritiva (ata un punto); e, no caso do local número tres, actividade proxectada relacionada coa venda de pan, derivados da fariña, leite e produtos lácteos (un punto).

Comentarios