O Concello de Portomarín licita as obras do viveiro industrial por 220.000 euros

A Consellería de Economía financia o 80% do investimento

O Concello de Portomarín acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación das obras para a construción dunha nave no polígono que será utilizada como viveiro industrial de empresas, segundo indicou o alcalde do municipio, Juan Serrano.

O orzamento base de licitación é de 219.683 euros, dos cales o 80 por cento será financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, no contexto dun programa autonómico para fomentar o emprendemento. O Concello achegará con fondos municipais o 20 por cento restante.

O prazo de execución destas obras será de catro meses. "En calquera caso, a nave ten que estar lista para acoller as empresas a finais do mes de outubro do presente ano", indicou o rexedor popular.

A construción da nave está proxectada nunha parcela do polígono de titularidade municipal. As actuacións contemplan a urbanización que a dotarán de servizos, entre os que se atopa a rede de saneamento, abastecemento de auga, rede de pluviais ou subministración eléctrica.

Unha vez construída, o Concello manifestouse en disposición de facilitar os servizos xerais necesarios para que as empresas poidan instalarse neste emprazamento.

Ademais da localización, estes novos emprendedores terán como vantaxe o poder dispor dun aluguer a baixo prezo, que lles dará unha marxe maior no comezo da súa actividade.

Segundo indicou o rexedor do municipio, esta nave poderá acoller a dúas empresas con vocación industrial, pero indicou que a ordenanza que rexerá a súa adxudicación aínda está por desenvolver. Tamén subliñou que se trata "dun proxecto importante, co que pretendemos materializar ou noso obxectivo de creación de emprego e de promoción do polígono industrial".

OUTRAS MEDIDAS. Esta non é a única actuación que o Concello proxecta no parque empresarial de Portomarín, senón que o ente municipal recibiu outros 108.130 euros da Consellería de Economía para realizar obras de mellora.

Segundo indicou Juan Serrano, estas obras consistirán nunha traída de auga para abastecer a unha das empresas e no desprazamento dunha liña de tensión para poder construír outra das naves, para o que están a manter reunións cos responsables de Fenosa.

Comentarios