martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

O Concello guntinés dedica 196.000 euros a mellorar viarios e un parque infantil

AppleMark
María José Gómez. ARQUIVO
O goberno local iniciará o proceso de contratación destas actuacións en xullo

O Concello de Guntín dedicará 196.000 euros de fondos propios á mellora de varios viarios e á ampliación dun parque infantil. O goberno local sacou adiante no último pleno a modificación de crédito, con cargo ao remanente de tesourería, que posibilitará ese investimento.

Segundo indicou a alcaldesa, a popular María José Gómez, entre as actuacións na rede viaria inclúese a reparación de estradas en San Vicente, Frameán, Berlai e Cabanas, un proxecto ao que se dedican 44.000 euros. Outra das actuacións, cun orzamento de 51.500, afectará os accesos de Armental, Trastulfe, Vilariño e Grolos. A terceira intervención, á que se consignan 50.000, levará a cabo no acceso a Prados e no núcleo de Mougán.

Para rematar, outra partida de 35.000 euros resérvase á reparación de varios camiños con zahorra. Os 15.500 euros restantes deses case 200.000 de investimento municipal utilizaranse para custear a ampliación do parque infantil situado na contorna da casa da cultura, unha mellora para a que tamén achegará fondos a Xunta.

Sobre este último proxecto, María José Gómez indicou que se colocarán novos xogos aproveitando un desnivel de terreo -un tobogán e unha tirolina, entre outros- para que estas instalacións poidan ser utilizadas por máis menores. A alcaldesa de Guntín avanzou que o Concello prevé iniciar a contratación das obras o próximo mes, tras finalizar o preceptivo período de exposición pública do expediente de modificación de crédito.

Doutra banda, o goberno local ultima o proceso de selección de dous socorristas para as piscinas. A rexedora explicou que, salvo que a evolución da crise do Covid obrigue a tomar medidas restritivas, a intención do Concello é abrir na primeira quincena de xullo este recinto, aínda que só para actividades dirixidas a empadroados, tanto nenos como adultos, e tras previa inscrición. Tamén programou campamentos infantís con propostas nas que se reforzará a seguridade e haberá grupos reducidos.

O Concello guntinés dedica 196.000 euros a mellorar viarios e un...
comentarios