O Concello corgués última a obra da piscina para abrila en xuño

O persoal do taller autonómico de emprego que comparten O Corgo, Guntín e O Páramo encargarase da preparación do terreo para os bañistas

O Concello do Corgo acaba de contratar nuns 10.000 euros a construción dun peche perimetral para a piscina do Corgo, na área recreativa do río Chamoso. Esa actuación e o acondicionamento da zona verde destinada aos bañistas son os únicos traballos pendentes para que esta infraestrutura estea lista, segundo explica o alcalde, o popular José Antonio Ferreiro, quen anuncia a apertura do recinto para mediados de xuño.

O rexedor di que a construción do peche empezará a próxima semana, cun prazo de execución de só dez días ao optarse por pór unha malla metálica.

En canto á preparación do terreo para os bañistas, sinala que se encargará o persoal do taller autonómico de emprego que comparten O Corgo, Guntín e O Páramo. "Empezarán a traballar en canto o tempo o permita", aclara, e recalca que, en calquera caso, ese área verde estará lista para xuño, xa que nese mes finaliza o "obradoiro".

O alcalde recalca que a construción dos vasos da piscina, financiada pola Deputación, xa culminou hai semanas e que a zona xa conta con duchas e aseos. Agora, con esas tarefas pendentes a piques de arrincar, o Concello sacará a concurso en breve a contratación do persoal que atenderá estas instalacións. Tamén xa ten previstos os prezos que cobrará. Así, planea cobrar un euro por xornada e sete e doce por bonos de 15 e 30 días.

"Contamos abrir a piscina en xuño", resume Ferreiro, que subliña a idoneidade da súa localización. "Foi a acertada, xa tiñamos vestiarios, duchas, servizos, restaurante... Noutro lugar habería que comezar de cero", gabia.

Comentarios