Agresión en O Corgo: "Chegaron de súpeto, nin puiden ver con que me abriron a cabeza"

O bar da piscina do Corgo xa recuperou a súa habitual tranquilidade tras a pelexa do domingo

Ao mediodía do luns, a terraza do bar da praia fluvial de Chamoso, no Corgo, xa recuperara a súa habitual tranquilidade. Nela xa non había rastro algún da batalla campal que se desencadeou a última hora da tarde do domingo, cando un grupo de persoas accedeu de forma violenta ao recinto, deixando ao seu paso catro feridos. Un dos que levou a peor parte foi un veciño de Castroverde, cliente habitual e que este luns aínda intentaba recuperarse do susto. "Chegaron de súpeto, nin me deu tempo a ver con que me deron, cando notei que xa me abriran a cabeza", relata o home.

Esta persoa, de 48 anos, tivo que ser trasladada ao Hula en ambulancia, onde lle deron "oito ou nove" puntos. Neste mesmo centro hospitalario tamén foi atendido o seu irmán, de 45, que se atopaba con el nese momento; o propietario do bar (52 anos), que tamén recibiu puntos, e outro veciño do Corgo, de 36, que presentaba varias contusións e que no momento dos feitos gozaba da terraza en compañía da súa muller e o seu fillo de pouca idade. Todos eles xa estaban o luns dados de alta.

Os propietarios do bar evitaron facer declaracións e mostraron a súa confianza no labor da Garda Civil, de face a identificar ás oito persoas que participaron na agresión. De momento non hai detidos.

Os agresores irromperon ao redor das sete da tarde con barras de ferro e outros obxectos contundentes na terraza do bar e "sen mediar palabra", segundo fontes municipais, empregáronse con extrema violencia "polo que as consecuencias puideron ser tráxicas".

Segundo estas mesmas fontes, este grupo de persoas, de etnia xitana, pasaran boa parte da tarde nesta área recreativa, aínda que o seu comportamento estaba a resultar bastante incívico tanto co persoal do bar como cos demais usuarios das instalacións.

Os agresores da piscinaAlgunha chamada de atención por parte do responsable do bar puido ser a mecha que desencadearía a violenta reacción do grupo, que nun momento dado foise aos seus vehículos para armarse cos contundentes obxectos cos que materializaron a agresión. Tamén se especula con que se o ataque puido ser froito dunha vinganza, por un día no que a estas persoas non se lles deixou entrar na zona das piscinas co pretexto de que o recinto estaba cheo.

Para dar cos agresores, a Garda Civil ten como principal pista un vídeo que gravou un das testemuñas e no que, ademais da violenta pelexa, vese como foxen do lugar nos seus vehículos. Tamén se investiga se estas persoas son as mesmas que na feira de Adai de 2014 protagonizaron outro altercado porque non lles deixaron apuntarse ao concurso de rodeo.