Castroverde aproba solicitar a residencia á Deputación

O pleno dá o visto e prace á proposta da alcaldía de pedir terreos, o inmoble e a xestión do centro á entidade provincial

Foto de archivo de Darío Campos. J. VÁZQUEZ
photo_camera Foto de arquivo de Darío Campos. J. VÁZQUEZ

O pleno de Castroverde aprobou este xoves —con dez votos a favor e unha abstención— a petición á Deputación da cesión dos terreos, o inmoble e a xestión da residencia de maiores da localidade. A proposta, rexistrada pola alcaldía, foi secundada tamén polas concelleiras do Partido Popular, mentres que o edil do BNG abstívose.

O alcalde do municipio, Xosé María Arias, recordou que a intención do seu goberno é que o centro poida estar operativo "canto antes". "Despois de tres anos e medio esperando, a nosa única opción era actuar. Agora depende da Deputación, que terá que aprobar no seu pleno a cesión da residencia. Unha vez teñamos o permiso, poñerémonos a traballar canto antes para que os nosos veciños non teñan que agardar máis para desfrutar deste servizo social", afirmou Arias.

O rexedor, que xa mantivera unha reunión co presidente da entidade provincial, Darío Campos, para trasladarlle a súa posición respecto ao centro, confía en que a Deputación non se demore demasiado en confirmar a cesión: "O único que queremos é ter a residencia aberta. Incluso non pechamos a porta, se a Deputación ten ou anuncia un acordo inminente para abrila, non teriamos ningún problema en aceptalo. Nós facemos a petición por pura necesidade, vistos os baleiros legais e xurídicos que existen para que se abra por outros medios, decidimos solicitala nós", engadiu o rexedor de Castroverde.

"A secretaría municipal redactará mañá –por este venres– os documentos necesarios para envialos á Deputación. No momento en que se confirme a cesión, comezaremos a traballar para poñer en funcionamento a residencia canto antes", engadiu Xosé María Arias.

A xestión municipal da residencia contará co financiamento da Deputación, que esta mesma semana confirmaba que a elección do sistema de xestión dos centros corresponden exclusivamente aos propios municipios.

POLÍGONO INDUSTRIAL. O pleno de Castroverde aprobou ademais unha moción de urxencia na que se votou o incremento de subvención das parcelas do polígono industrial. "Ata o de agora subvencionabamos con doce euros ou metro cadrado. Con esta nova medida chegaremos ata os 21 euros, a metade do que costa o metro cadrado, 42", explicou Arias.

Comentarios