O Camiño Norte conta cun novo albergue en Friol

As instalacións teñen un total de 29 prazas 

Nuevo albergue en Friol.VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Nuevo albergue en Friol.VICTORIA RODRÍGUEZ

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitaron este luns as instalacións do novo albergue de peregrinos do Camiño Norte a Santiago, situado no municipio lucense de Friol, que dispón dun total de 29 prazas e supuxo un investimento de 285.000 euros por parte da administración autonómica.

O novo albergue, construído para reforzar "os servizos de atención ao peregrino" no Camiño Norte, comezou a funcionar a finais de xullo no lugar de Cabana, na parroquia de Nodar, cunhas instalacións que permiten aos peregrinos pasar a noite e gozar doutras estancias como salas de uso común, cociña, comedor ou baños.

Segundo informou Turismo de Galicia, en pouco máis dun mes, desde a súa apertura, o novo albergue deu servizo a uns 300 peregrinos que fixeron noite nestas instalacións.

O de Friol é o noveno albergue do Camiño Norte e o número vinte e oito da provincia de Lugo -nas diferentes rutas a Santiago de Compostela-.

Na actualidade, precisou Nava Castro, o Camiño Norte é a terceira ruta con maior número de peregrinos, dado que no que vai de ano foi percorrido por máis de 15.000 persoas, un 7% máis que en 2017. 

Comentarios