O BNG preguntará no Parlamento sobre o "desmantelamento" da Oficina Agraria Comarcal de Lugo

Segundo informa o partido, a Consellería de Medio Rural non cubriu os postos dos dous técnicos e un administrativo que cesaron

Olalla Rodil. EP
photo_camera Olalla Rodil. EP

A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, anunciou a presentación dunha serie de preguntas en relación co "desmantelamento" da Oficina Agraria Comarcal de Lugo (OAC) que, segundo sinalou, desde 2018 só está atendida por un técnico e un administrativo. 

Segundo informa o BNG nun comunicado, a Consellería de Medio Rural non cubriu os postos dos dous técnicos e un administrativo que cesaron, polo que "a falta de persoal está a causar graves perdas ao sector agrario na área de Lugo". 

Rodil explicou que a falta de efectivos para facerse cargo do traballo "dá lugar ao atraso nas certificacións e trámites administrativos para xestionar subvencións e asuntos referentes á documentación das explotacións.

"ABANDONO DO MEDIO RURAL". Así mesmo, a parlamentaria do BNG sinalou que a cobertura dos postos de traballo "xa están recollidos na relación de postos da Xunta e, por tanto, dotados presupuestariamente". Ademais, engadiu que "o feito de que non se cubran atende a unha política activa de abandono do medio rural galego". 

Tamén lembrou que o BNG leva tempo denunciando "o desmantelamento dos servizos públicos no medio rural e tamén a redución de gran parte da estrutura periférica das oficinas agrarias comarcais". 

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo atende a seis concellos –Lugo, Portomarín, Guntín, O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade–, con 7.321 explotacións agrícolas, das que 694 son prioritarias. Nesta oficina reciben ao ano a máis de 6.000 persoas, xestionan máis de 1.500 expedientes e uns 5 millóns de euros en axudas públicas. 

Comentarios