BNG e PP critican a Arias por non avisar do positivo dun concelleiro en Castroverde

Xosé María Arias. EP
photo_camera Xosé María Arias. EP
A oposición no Concello Castroverde, conformada polo BNG e o PP, criticou o sábado que o alcalde, Xosé María Arias, non comunicase o resultado positivo dunha PCR realizada a un edil socialista do Concello. Este resultado sería a causa, segundo o rexedor, de que seis dos nove edís do PSOE non asistisen ao último pleno celebrado o xoves pasado.

A portavoz nacionalista, Iria Castro, criticou que non se comunicase esta información ao resto da corporación. Ademais, lamentou que no pleno o grupo socialista no goberno rexeitase a moción do BNG que instaba a habilitar a modalidade telemática das sesións plenarias. "Paréceme especialmente irresponsable neste contexto", afirmou.

A edila nacionalista tamén criticou que o pleno se celebrase soamente con cinco edís, e non se alcanzase a maioría para poder votar a moción de urxencia que quería presentar este grupo para incluír as obras dun camiño dentro do plan único.

Pola súa banda, o portavoz popular, Rubén Otero, tamén cualificou de "irresponsable" a decisión do alcalde, e anunciou que "estudaremos pedir a súa dimisión". Otero considera reprobable que Arias continuase co pleno "con seis concelleiros pendentes dunha PCR", manifestou, e engadiu que "debera ter tomado outra decisión para non poñer en risco a saúde dous asistentes".

Pola súa banda, Xosé María Arias indica que soubo deste positivo fai 15 días, e que o edil se contaxiou a través dun contacto familiar sen pasar polo consistorio, polo que non considerou necesario comunicalo.