O BNG do Corgo critica o estado da N-VI ao pouco do seu arranxo

O grupo nacionalista denuncia a existencia de numerosas fochancas tras os traballos de mantemento da vía realizados por Fomento
Bache en la recta de O Corgo.EP
photo_camera Fochanca na recta do Corgo.EP

O BNG do Corgo quéixase do estado da N VI ao seu paso polo municipio só dúas semanas despois de que finalizasen as obras de arranxo da vía, executadas polo Ministerio de Fomento. "A estrada quedou fatal, con fochancas dun tamaño considerable que, de non atenderse, en pouco tempo serán moito maiores", indicou o portavoz nacionalista no Concello, Mario Outeiro, que engadiu que as fochancas son constantes en toda a estrada ao seu paso polo municipio.

A intervención que o Consello de Ministros autorizou o verán pasado para acometer obras nesta vía incluía o tramo que vai desde Nadela ata O Cereixal. Nese sentido, Outeiro indica que O Corgo non é o único concello afectado polo que considera unha "pésima intervención" na estrada.

O grupo nacionalista presentou xa hai un ano e medio unha moción para a mellora da seguridade viaria no municipio, que establecía a necesidade de mellorar "o firme da N VI, xa que o pavimento actual ten tres décadas de existencia e o seu estado actual é lamentábel". O arranxo desta vía constitúe unha vella reivindicación para os veciños, que incluso levaron a cabo unha campaña de recollida de firmas.

Se para Outeiro xa era insuficiente a intervención de bacheado que se estaba acometendo, agora lamenta que "nin sequera este traballo foi ben feito, e seguimos co problema". "No fondo, estamos ante unha cuestión moi seria de seguridade viaria no municipio", conclúe.

Comentarios