
O rexedor de Rábade, o independente Francisco Fernández Montes, e o tenente de alcalde, o socialista Alejandro Martínez, reuníronse no Pazo de San Marcos co presidente provincial, José Tomé, para abordar as necesidades do municipio e tratar de solicitar o apoio da Deputación. Tomé comprometeuse a realizar proximamente unha visita a Rábade para «concretar actuacións e vías de colaboración en beneficio dos veciños e veciñas».
O goberno provincial cifrou en case 600.000 euros o investimento realizado no que vai de mandato no municipio. Este ano achegou máis de 195.000 euros a través do plan único, para acometer, entre outras actuacións, a humanización da contorna da Praza Castelao, con 150.000 euros de orzamento.
Outras intervencións que destacou Tomé foron o arranxo da vía provincial LU-P-5102, na rúa Músico Crisanto, e a renovación da rúa José Pardo Montenegro.