A asociación friolesa A Castronela cumpre catro anos e renova a súa xunta xestora

José Antonio Viña é o novo presidente, Ana Isabel Castro a secretaria e Antonio Rumbo o tesoureiro. Cada bienio a entidade celebra comicios

José Antonio Viña, Ana Isabel Castro y Antonio Rumbo. EP
photo_camera José Antonio Viña, Ana Isabel Castro e Antonio Rumbo. EP

A asociación de recreación histórica A Castronela de Friol celebrou eleccións para renovar a xunta xestora por segunda vez desde a súa creación.

A nova directiva pasa a estar formada por José Antonio Viña Carreira, como presidente; Ana Isabel Castro Rodríguez, secretaria e Antonio Rumbo Ramos, como tesoureiro. Os novos elixidos agradecen as bases de traballo establecida polos seus antecesores -Manuel Castiñeira, Jesús Penín e Lucía Ríos- que ocuparon o cargo durante catro anos, o máximo que aparece estipulado nos estatutos.

A entidade cumpre este ano 2019 o seu cuarto aniversario e tal e como se recolle na acta de constitución da mesma débense celebrar comicios cada bienio. Deste xeito "pretender dinamizar o campo de xestión para impedir o estancamento da mesma e poder desenvolver unha nova forma de traballar polo futuro da asociación", explican os seus socios fundadores.

A recentemente nomeada xunta xestora sinalou que contará coa experiencia e co apoio dos anteriores directivos para seguir esforzándose para crecer como asociación e pór en marcha novos proxectos.

OS SOCIOS, A CLAVE. A nova dirección da Castronela transmitiu que seguirán traballando para continuar o camiño marcado polos socios "para así potenciar as súas virtudes, partindo sempre do consenso. O punto forte desta agrupación é cada uns dos socios e socias que a forman, sen eles non sería posible levar a cabo cada un dos proxectos que teñen en marcha", destacaron.

Os novos responsables da entidade friolesa agradeceron ademais o grande apoio mostrado polos seus compañeiros desde o momento en que presentaron a súa candidatura "vímonos totalmente arroupados e demostráronnos a súa confianza mediante o seu voto", resaltaron.

Comentarios