A área de servizos sociais de Friol atendeu máis de 1.000 persoas en 2020

O Servizo de Axuda no Fogar chega a unhas 150 familias. O departamento realizou un total de 200 tramitacións
undefined
photo_camera Unha intervención do Servizo de Axuda no Fogar. EP

O área de servizos sociais do Concello de Friol atendeu algo máis de 1.000 persoas no ano 2020, realizando unhas 200 tramitacións. Así o indicou o rexedor municipal popular, José Ángel Santos.

Durante o ano pasado tamén foron atendidas un total de 150 familias a través do Servizo de Axuda no Fogar, con 30.900 horas nos domicilios de persoas usuarias. Os datos reflicten un incremento con respecto a 2019. En total, recibiron apoio 24 familias máis, que en número de horas tradúcese nunhas 4.000.

Santos destacou que o Concello presta este servizo a través dunha empresa externa, con máis de trinta auxiliares, todas mulleres. "O Concello está e estará a carón dos máis desfavorecidos e necesitados, neste caso, cos maiores con grao de dependencia do municipio, de aí o grande esforzo que supón que cada ano se incrementen as horas de atención de dito servizo, prioritario para o equipo de goberno e coa única finalidade de que os nosos maiores teñan unha calidade de vida digna, como merecen todos eles", indicou o rexedor.

Friol dispón desde setembro dun servizo gratuíto de atención temperá para nenos de ata seis anos

Do total das 150 persoas beneficiarias, tan só once teñen unha idade inferior aos 65 anos. Un total de 30 viven soas nos seus fogares, polo que Santos resaltou a importancia do servizo. O número de mulleres que dispoñen desta axuda segue sendo moi superior, unhas 101.

Entre as 200 tramitacións, cabe destacar as 53 solicitudes de recoñecemento de dependencia e as 19 de valoración de discapacidade feitas por este departamento municipal.

Outro servizo do que poden gozar os veciños de Friol é o Punto de Atención á Infancia, con capacidade para 21 menores, cuxas prazas estiveron cubertas o curso pasado.

ATENCIÓN TEMPERÁ. Como novidade destacada, desde o mes de setembro existe un novo servizo de atención temperá situado en Friol, financiado pola Consellería de Política Social e promovido xunto aos concellos de Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Rei.

O servizo é gratuíto para as familias destes municipios e poden acceder ao mesmo os menores de ata seis anos de idade que presenten algún tipo de trastorno da fala, psicomotricidade ou outros. Nos seus tres meses de funcionamento, no último trimestre do 2020, recibiron atención 31 nenos e nenas.

O alcalde insiste en que "todos estes servizos son de grande importancia para Friol, xa que supoñen unha mellora na calidade de vida e facilitan a conciliación da vida familiar e laboral".

Comentarios