Unha árbore enleada a unha roca

Así é a vida de Francisa Abuín, funcionaria da Deputación que desenvolveu a súa traxectoria profesional na fortaleza friolesa de San Paio de Narla, situada a poucos metros da súa casa natal
Francisca Abuín Villar, na fortaleza de San Paio de Narla. ADRA PALLÓN
photo_camera Francisca Abuín Villar, na fortaleza de San Paio de Narla. ADRA PALLÓN

Hai árbores que non se entenden sen as rocas nas que envolven as súas raíces para medrar. Francisca Abuín Villar sería unha delas. O pasado domingo xubilouse despois de corenta anos vencellados á didáctica no museo fortaleza de San Paio de Narla, en Friol.

Moito máis ca un traballo, esta fortaleza está vencellada á súa mesma existencia. Foi alí onde o seu pai, destinado como garda conservador despois da guerra, coñeceu á súa nai, na casa que antano foi dos criados do lugar. De pequena, lembra mirala pola ventá, a poucos metros, cando aínda non dispuña das ameas que se lle rehabilitaron no 1967, cando os Reis Magos repartían alí os aguinaldos aos cativos, cando se mallaba aínda case ás súas portas e cando ela, por suposto, non imaxinaba que ese lugar ía ser a grande rocha na que enlear a súa vida profesional.

Ao comezo esa idea non lle gustou tanto. Iso de traballar ao pé mesmo da casa non foi tan ben recibido por unha moza que tiña ganas de mundo. Pero ese desgusto axina mudou. O equipo axudou moito: "Tiven compañeiros fantásticos do eido da arte ou da arquitectura baixo a dirección de Felipe Arias e un grupo moi bo de funcionarios como Encarna Lago, Fernando Cuba ou Antonio Reigosa. Pasabamos moito tempo xuntos", comenta. Ese mundo que nun inicio percibiu como limitado comezou a abrir ventás nos seus muros, coma un faro dende o que pensar e alumar o territorio.

Ser veciña ten vantaxes nese sentido. Francisca, ou Paquita, como a coñecen na zona, visitou casa por casa os nenos do municipio para animalos a asistiren ás xornadas que programaba no museo. "Miña inquedanza era que a fortaleza tivese vida, e para iso, a materia prima é a xente", comenta. O lugar sempre fora de encontro. Nos anos da posguerra reuníanse alí intelectuais como Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Trapero Pardo ou Vázquez Seixas, "que foi quen loitou para que a Deputación comprase este ben, por 5.000 pesetas daquel tempo, e non se demolese", conta Francisca.

"Sempre tiven o apoio dos compañeiros e da institución, cos seus distintos gobernos. Tamén do Concello de Friol"

Francisca Abuín quixo dar forma de ponte á fortaleza, e que mozos e maiores camiñasen dun lado e doutro para encontrarse nela. Para iso, facilitou a recollida do patrimonio oral, como refráns, coplas, romances ou lendas, e tamén pediu a colaboración dos maiores para impartir obradoiros. O de liño acabou por interesar á Universidade de Santiago. Grazas ao seu pulo, nenos, mozos e maiores volveron sementar, tascar, ripar e empozar o liño no río.

LUGAR DA XENTE. A fortaleza transformouse nun lugar aberto baixo a súa traxectoria e coa colaboración continua de asociacións do concello. A Castronela, Carballo Vivo, A cova da Serpe, Ínsua, Neves do Ouroso ou Xesta Verde foron algunhas das máis presentes na vida deste lugar polo que pasaron milleiros de persoas. Pero Francisca non cansou de contar que no lugar onde facemos a entrevista houbo un asentamento castrexo, ou que a fortaleza ten factura renacentista por ser reconstruída no século XVI trala súa demolición nas revoltas irmandiñas.

Das visitas que non se esquecen, destaca as dos nenos con diversidade funcional. Tamén a dunha ministra que non avisou do seu cargo, do que só se enterou cando viu a súa seguridade. Tamén é imposible esquecer a Noite dos Museos, que puxo en marcha a pesar da responsabilidade para as administracións que supuña que moitos nenos pasasen a noite na fortaleza, se cadra coma ela mesma soñaba de pequena dende a xanela da súa casa.

"Sempre tiven o apoio dos compañeiros e da institución, cos seus distintos gobernos. Tamén do Concello de Friol", comenta. O Concello tamén quixo destacar a súa traxectoria na agarimosa despedida que lle fixeron. Vai ser difícil para esta raíz separarse da pedra. Máis ca iso, buscará outros lugares para seguir crecendo, colaborando coas asociacións, nutrindo o territorio.

Comentarios