Ana Miranda reivindica máis axudas da nova PAC para Galicia

A nacionalista demanda desde Castroverde que a Política Agraria Común contemple a realidade da comunidade, con pequenas e medianas explotacións
Ana Miranda y Carmen Aira, en una explotación de ovino en Castroverde. BNG
photo_camera Ana Miranda e Carmen Aira, nunha explotación de ovino en Castroverde. BNG

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reivindicou este luns máis axudas da nova Política Agraria Común (PAC) para Galicia. Nunha visita a unha explotación gandeira en Castroverde, a nacionalista denunciou que a falta de axudas é un "problema persistente do agro galego", a pesar de que a comunidade "é o primeiro produtor do Estado" e "é das rexións de Europa con maior produción cárnica e láctea". 

Miranda alertou de que "falta capacidade para negociar". Remarca que este mércores hai unha reunión sectorial entre comunidades autónomas e Goberno central en Madrid, e ante ese encontro o Bloque pide que "o novo plan estratéxico da PAC contemple a realidade social, territorial e ambiental da agricultura galega, que está baseada en pequenas e medianas explotacións". "E que Galicia sexa ben tratada e non volva estar por baixo da media de axudas que nos ten que corresponder", agrega. 

Miranda non dubida de que a nova PAC, para o período 2023-2027, é "mala para Galicia". "Está claro que as axudas son necesarias, pero os interlocutores que negocian por nós deixan tirado o sector", reprocha. 

Ana Miranda e a deputada do BNG no parlamento de Galicia Carmen Aira visitaron unha explotación de ovino en Vilcote, onde falaron da consecuencia da PAC para Galicia. 

Comentarios