miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

Alumnos dun taller de emprego inícianse como cartógrafos en Outeiro

Os asistentes ao taller de emprego participaron nun acto de clausura en Outeiro de Rei. VICTORIA RODRÍGEZ
Os asistentes ao taller de emprego participaron nun acto de clausura en Outeiro de Rei. VICTORIA RODRÍGEZ

No obradoiro, compartido por Cospeito e Castro de Rei, tamén se formaron en albanelería

Os integrantes dun taller de emprego celebrado en Outeiro de Rei realizaron traballos cartográficos no municipio durante os últimos nove meses. No obradoiro, compartido polos concellos de Castro de Rei e Cospeito, ensinouse a unha vintena de alumnos labores de topografía, pero tamén de albanelería ou electricidade.

As clases combinaron teoría e práctica e a iniciativa foi financiada con 280.000 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En Outeiro de Rei impartiuse a especialidade de levantamentos e replanteos a cinco alumnos, que realizaron o cartografiado dixital do inventario municipal de edificios, parcelas, redes de auga e saneamento.

Sete persoas máis se formaron en Cospeito na montaxe e o mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión. Estes alumnos puideron aplicar os coñecementos adquiridos en diversas obras de iluminación da localidade chairega. Melloraron as instalacións eléctricas da gardería, o miradoiro, o centro de saúde ou o centro de día. Tamén acondicionaron a escola de Támoga, que cumpre co servizo de local social, e o campanario da igrexa de Nosa Señora do Monte.

Outros sete alumnos do concello de Castro de Rei foron instruídos en varias especialidades de albanelería. Durante as prácticas do taller de emprego os traballadores acondicionaron os locais sociais de Bendia e a escola da parroquia de Ramil, situada no barrio de Val de Calvos.

ACTO DE CLAUSURA. O consistorio de Outeiro acolleu onte o acto de clausura deste taller, no que participaron os alcaldes dos tres municipios promotores —José Pardo, de Outeiro; Armando Castosa, de Cospeito e Francisco Javier Balado, de Castro de Rei—, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, e a xefa territorial da Consellería de Economía, Pilar Fernández. As autoridades entregaron un diploma a cada alumno.

Balseiro anunciou que xa está en marcha unha nova convocatoria da iniciativa, que arrincará en setembro

Os rexedores tiveron palabras de agradecemento tanto para os alumnos como para os monitores. Todos coincidiron á hora de agradecer a implicación da Xunta de Galicia, "sen a cal a formación de moitas persoas non sería posible", remarcaron.

Pola súa banda, José Manuel Balseiro destacou "a oportunidade que estas iniciativas supoñen para reorientar a traxectoria profesional de moitos traballadores". "É unha maneira, ademais, de mellorar as infraestruturas dous pobos", engadiu Balseiro.

O delegado anunciou ademais que xa está en marcha unha nova convocatoria de obradoiros, coa previsión de que se poñan en marcha no mes de setembro.

BOA EXPERIENCIA. Varios alumnos deixaron constancia do bo sabor de boca que levaron do taller. Anxo Cuba, un dos traballadores de Cospeito, afirmou sentirse "moi satisfeito" co apreso, a pesar de que era a súa "primeira experiencia nun traballo deste tipo". Pola súa banda, Tamara Fernández, de Castro de Rei, contaba que "era a primeira vez que me enfrontaba a un emprego", pero sinalou que lle encantaría repetir de novo". Outra alumna de Outeiro de Rei, María Jesús Vilela, afirmou que a súa experiencia foi tan boa "que non teño nada malo que sacar destes meses".

Alumnos dun taller de emprego inícianse como cartógrafos en Outeiro
comentarios