O alcalde de Outeiro de Rei, "preocupado" pola alta incidencia no municipio

José Pardo pide "claridade meridiana" na repartición de dose da vacina
José Pardo Lombao, alcalde de Outeiro de Rei. XESÚS PONTE
photo_camera José Pardo Lombao, alcalde de Outeiro de Rei. XESÚS PONTE

O alcalde de Outeiro de Rei, o popular José Pardo Lombao, asegurou este mércores que lle "preocupa" a alta incidencia do covid no seu municipio, á vez que destacou que a única saída posible pasa "por vacinar, vacinar e vacinar", polo que reclama "claridade meridiana" na repartición de doses

O municipio de Outeiro de Rei incorpórase ao nivel alto de restricións tras 37 positivos que elevan a incidencia a 14 días en máis de 700 contaxios por cada 100.000 habitantes. 

Pardo Lombao aproveitou, a continuación, para recriminar ao Goberno central como se produce a repartición das vacinas, coa última partida extraordinaria de Pfizer á que se mantivo allea a Galicia. "Esa remesa que non veu a Galicia é dificilmente entendible. é un tema preocupante porque a repartición das vacinas non tería que estar politizada e debería de facerse con claridade meridiana", sinalou. 

Dos contaxios, o alcalde de Outeiro de Rei constata que estes 37 positivos repártense "entre catro ou cinco familias, e algún caso solto", e celebra que "non" estea "ningún hospitalizado, e non están graves". 

No entanto, José Pardo Lombao admitiu que "claro" que está "preocupado" con estes casos que levaron ao municipio ao nivel alto de restricións polo covid.

Comentarios