Alberte Ansede: "Tiñamos dúbidas da viabilidade do proxecto. Hoxe están totalmente disipadas"

A Casa Museo Manuel María está de aniversario. Unha década despois que a súa viúva puxese o empeño para adquirir a vivenda natal do escritor, en Outeiro de Rei, coa idea de facer inmortal o seu legado, eríxese como un punto de referencia cultural na provincia. O presidente da fundación fai balance coa mirada posta no Convivio
Alberte Ansede. EP
photo_camera Alberte Ansede. EP

A Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, celebra unha década de actividade convertida nun referente cultural xa consolidado na provincia, alén do seu traballo de conservación e difusión do legado do escritor. Un dos principais artífices do proxecto foi Alberte Ansede (Vilasantar, 1957), amigo persoal da familia e actual presidente do Padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, cargo que ocupa desde o falecemento da viúva do escritor, Saleta Goi, en 2022.

Que balance fai destes dez anos?

O balance é totalmente positivo. Nós mesmos tiñamos algunha dúbida de que se puidese crear unha actividade continuada nun contexto ao que hai que acudir a propósito. Hoxe, esas dúbidas están totalmente disipadas.

Sucedeu a Saleta Goi na presidencia da fundación. Como definiría esta etapa de continuidade ao labor que ela puxo en marcha?

Houbo unha continuidade natural, xa que durante moitos anos traballamos man a man e con moita unidade de criterio. Ela representaba moitísimo para a fundación, puxo o máximo empeño para que a Casa Museo se contituíse e se desenvolvese. Eu non pretendo substituír a Saleta, ela é insubstituíble.

A pesar de que a Casa Museo se concibiu nun inicio como espazo de homenaxe ao escritor, hoxe é un punto de referencia cultural para asociacións e artistas en disciplinas dunha gran diversidade.

Eu penso que xa formamos parte desa paisaxe cultural da provincia. Esta, sendo tan rica e diversa, ten un exemplo moi vivo na Fundación Manuel María. Erixímonos como un espazo caracterizado por ofrecer propostas moi diversas en canto a público e tamén en canto a formatos. Por aquí pasa a música, o teatro, a oralidade, a poesía...

Cal é o logro que máis o enche de orgullo?

É difícil escoller un. Quizais, do que estou máis orgulloso é de que a nosa axenda de actividades incide en divulgar elementos importantes da obra de Manuel María. E para iso contamos xa con seis propostas que requiren dun traballo previo e cunha programación prolongada no tempo.

Para poñer en marcha esas actividades fai falta tirar de recursos. Como está a ser o apoio por parte das institucións?

Nós contamos cun apoio económico fundamental que é o da vicepresidencia da Deputación da Coruña, cidade na que Manuel María viviu os seus últimos anos e na que faleceu, ademais dunha aportación por parte do Concello de Lugo. Alén do económico, contamos co factor humano do voluntariado e que para nós é esencial.

O ano que vén de rematar bateron o récord de asistentes. A resposta do público é inmellorable.

Non podo achegar unha cifra exacta, pero coido que pola casa puideron pasar arredor de 10.000 persoas. É moi satisfactorio e, con esta resposta, fai que sintamos máis que pagado o noso traballo.

Contan con canle de Youtube. Serve para achegar a Manuel María ás novas xeracións, ás que lles pode resultar máis alleo?

Si, sen dúbida. Ter aberta a canle de Youtube é case tan imprescindible hoxe como ter aberta a casa. Supón unha forma de entrada para certas idades que resulta máis próxima que o propio edificio físico. As novas tecnoloxías tamén funcionan como reclamo para o público que non nos coñece.

Xa teñen a mirada posta no próximo Convivio da Cultura Galega?

O Convivio é unha actividade da que estamos moi orgullosos, xa levamos dez anos celebrándoo. Non podo adiantar moito, porque pode darse algún cambio, pero estamos a preparar unha edición moi interesante que se celebrará a segunda fin de semana de xullo.

Comentarios