Achan en bo estado en Castroverde a un septuaxenario que se desorientou

Foi achado a un quilómetro da súa casa

Un septuaxenario da parroquia de San Paio de Arcos (Castroverde) que desaparecera este xoves ao mediodía apareceu ás poucas horas a apenas un quilómetro do seu domicilio, san e salvo, sen ningunha aparente molestia de saúde, ao ser atopado polo dispositivo de procura que se formou no municipio castroverdés para dar canto antes con el.

O home, que vive coa súa familia no lugar de Gracián, na citada parroquia de Arcos, saíu a dar un dos seus paseos habituais, cando, ao parecer, se desorientou, confundido tamén debido á espesa néboa que había nos arredores do seu domicilio, polo que non soubo como regresar a casa.

Os problemas de saúde do septuaxenario, ao parecer cunha enfermidade que sería unha das principais causas da súa desorientación, fixeron que os seus achegados se preocupasen cando viron que o home non regresaba a casa.

A súa familia pronto se puxo en contacto cos servizos de urxencia, e a Garda Civil coordinou un dispositivo de procura no que participaron efectivos do GES de Becerreá e o Seprona, bombeiros de Sarria e un grupo de voluntarios formados por veciños e cazadores da localidade, así como varios axentes da propia Benemérita, que peitearon a zona en busca do desaparecido.

Os labores de procura funcionaron e foi unha das patrullas as que deu co veciño de Castroverde. De feito, un dos membros que formaban parte das mesma é fillo do septuaxenario, que sentiu un gran alivio ao atopar ao seu pai en perfectas condicións. Ao dar co desaparecido, a familia conduciu ao home ao seu domicilio, pondo fin a unha historia con final afortunado para todos.