Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

A gardería de Outeiro de Rei oferta este ano 61 prazas

Balseiro (dereita), durante a súa visita á gardería de Outeiro de Rei. EP
Balseiro (dereita), durante a súa visita á gardería de Outeiro de Rei. EP

A ampliación do centro supuxo 200.000 euros de investimento. A Xunta tamén destina outros 7 millóns para diversas melloras en Friol

A gardería municipal de Outeiro de Rei oferta para este próximo curso un total de 61 prazas, o que supón 20 máis que o pasado ano. Este incremento foi posible grazas á recente ampliación que levou a cabo no centro, cun investimento total de máis de 200.000 euros.

Deste importe, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Comarca de Lugo, que depende da Consellería de Medio Rural, financiou a maior parte, en concreto 145.700 euros, mentres que a cantidade restante foi achegada pola Consellería de Política Social e o propio Concello.

A obra, que xa está finalizada, recibiu o xoves a visita do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, e o alcalde de Friol e presidente do GDR da Comarca de Lugo, José Ángel Santos. "Grazas aos novos espazos e equipamentos, a escola ve aumentada a súa capacidade", explicou Balseiro, quen tamén destacou a utilidade que este centro ten para as familias de cara "á atención da infancia e de conciliación".

A obra de ampliación consistiu na habilitación dunha serie de novos espazos, como unha sala de 40 metros cadrados, que inclúe unha zona de descanso e aseo. O patio interior tamén se ampliou en 47 metros cadrados e melloráronse o almacén e o patio exterior, que, do mesmo xeito que a escola, reciben un novo pavimento de caucho.

Como complemento a todas estas actuacións, que tamén incluíron a remodelación dos espazos máis antigos do centro, o Concello levou a cabo unha mellora complementaria para mellorar o illamento da cuberta.

FRIOL. Durante a xornada do xoves, José Manuel Balseiro visitou tamén o concello de Friol, onde en compañía do seu alcalde, José Ángel Santos, anunciou unha serie de actuacións, que suporán un investimento total de máis de sete millóns de euros.

Balseiro avanzou, deste xeito, os detalles da obra de mellora da travesía de Friol, cuxo inicio está previsto para este próximo mes de setembro. A actuación afectará a un tramo de algo máis de quilómetro e medio da estrada LU-934 e suporá un investimento de algo máis de 100.000 euros.

O delegado territorial tamén destacou os máis de 321.000 euros que a Xunta achega ao municipio a través do Fondo de Cooperación Local, 200.000 máis para o servizo de axuda no fogar e 400.000 para a remodelación do centro sociocultural.

Balseiro tamén destacou outros investimentos como as encamiñadas á mellora de camiños e axudas á actividade agrogandeira, que cifrou en máis de 5,2 millóns.

A gardería de Outeiro de Rei oferta este ano 61 prazas
Comentarios