Unha aplicación para Smartphones e Tablets permitirá comunicar incidencias da TDT

A aplicación iTera, para o seu uso con smartphones e tablets, achega información sobre a cobertura TDT en cada zona do territorio pero ademais permite comunicar incidencias cando así se detecten. O secretario xeral de Medios, Afonso Cabaleiro, presidiu hoxe a presentación deste dispositivo a instaladores de comunicacións, nun acto ao que acudiron tamén o director xerente de Retegal, José Ángel Abeal, e a presidenta da Asociación Galega de Instaladores de Telecomunicacións, Susana Vila.

iTera é unha aplicación de realidade aumentada e aínda que non é a primeira deste tipo si é pioneira en ser gratuíta e pública no vinculado á TDT. Aínda que dirixida a instaladores, tamén a poderán utilizar os cidadáns para determinar o grao de cobertura e as canles que se reciben no lugar en que se atopen.

O sistema require o uso da cámara de fotos, o GPS e a conexión do smartphone para ver na pantalla os centros emisores da TDT con datos técnicos e os cálculos sobre o sinal que achega cada un dos múltiplex dixitais. Segundo informa a Xunta, esta aplicación dá unha información moi precisa sobre a TDT para calquera punto de Galicia.

A necesidade deste tipo de servizos xurdiu coa transición á TDT. Galicia, con 40.000 entidades de poboación e 400 centros emisores de TDT, supuña unha dificultade para coñecer a cobertura existente en cada punto, algo que nun primeiro momento resolveuse coa posta en marcha da páxina web www.tdtgalicia.es, que achegaba información a través de internet sobre a cobertura. iTera dá un paso máis, e facilita esa información a través de móbiles de nova xeración dando datos máis precisos.

A aplicación presentada hoxe conta con dous módulos, un deles de información sobre a recepción do sinal e outro de comunicación de incidencias de cobertura. O primeiro pretende lograr a procura do mellor servidor de TDT indicando incluso as mellores orientacións para a percepción do sinal, e o segundo permite ao instalador comunicar incidencias na cobertura do sinal TDT de forma inmediata co seu dispositivo móbil. Para iso terá que cubrir un formulario.

A Xunta augura que iTera terá un uso moi importante nos próximos meses ante os cambios de frecuencias da TDT o chamado Dividendo Dixital, que se producirá a partir deste ano. Tamén vaticina un importante uso no rural galego, pois así se detectarán mellor as zonas con interferencias ou pouca calidade de recepción.

Comentarios