Máis de 10.000 páxinas web súmanse á protesta contra a lei SOPA

Máis de 10.000 páxinas web sumáronse hoxe a unha protesta cibernética en contra dunha lei ante o Congreso de EEUU que busca combater a piratería en liña, no que os seus organizadores sinalan como a maior iniciativa dese tipo na historia do país.

A queixa, organizada desde a páxina www.sopastrike.com e que comezou pouco logo de medianoite, conta coa participación de máis de 10.000 portais e empresas web, incluíndo Google, Wikipedia, Reddit, Wordpress e Mozilla, segundo os activistas.

A iniciativa, que inclúe o "apagamento" ou desactivación dalgúns sitios web durante 24 horas, é un proxecto da organización sen fins de lucro "Fight for the Future", que busca frear o proxecto de lei coñecido pola súa sigla "SOPA" ("Stop Online Piracy Act"), na súa versión da Cámara de Representantes, e "PIPA" ("PROTECT IP Act"), na súa versión do Senado.

Ao visitar a páxina web de Wikipedia, por exemplo, o visitante tópase cunha mensaxe en letras brancas contra un fondo negro que reza: "Imaxinen un mundo sen coñecemento gratuíto...agora mesmo, o Congreso de EEUU está a sopesar unha lexislación que podería prexudicar gravemente o internet gratis e aberto".

A empresa, que produciu a maior enciclopedia cibernética no mundo, insta os cibernautas a que contacten aos seus lexisladores para protestar en contra da iniciativa.

Google, pola súa banda, bloqueou cun enorme rectángulo negro o seu nome no buscador e, ao picar sobre a figura xeométrica, salta unha mensaxe que pide ao usuario: "Dílle ao Congreso que por favor non censure á web".

Tiffiniy Cheng, cofundadora de "Fight for the Future", dixo onte á noite nun comunicado que se trata de "unha unha loita pola liberdade de expresión" e que, ao seu xuízo, tanto "SOPA" como "PIPA", "pasáronse da raia".

"A protesta contra SOPA é a maior protesta en liña que xamais se organizou. Varios centenares de millóns de persoas... verán mensaxes sobre os perigos de censurar a internet, e iso é algo sen precedentes", afirmou Cheng.

Protestas contra a lei Sinde

En España, a convocatoria contra a lei PIPA tivo o seu eco a través dunha protesta, esta vez, contra a denominada lei Sinde. Están a participar nela centos de páxinas, que permanece apagadas ou ben mostran unha mensaxe de protesta.

Comentarios