Europa quere un estatuto especial para os blogues

blogosfera_dentro.jpg
photo_camera blogosfera_dentro.jpg

O Parlamento Europeo (PE) rexeitou unha proposta para impulsar a aplicación aos blogues das mesmas normas que regulan outras publicacións e instou a iniciar un ''debate aberto'' para definir o estatuto das bitácoras en Internet.

A comisión de Cultura da Eurocámara preparara un texto sobre o pluralismo e a independencia dos medios de comunicación que propuña  que este tipo de sitios e outros con información xerada por usuarios cumprisen as mesmas normas que se esixen a ''as demais formas de expresión pública''.

Agora o pleno da Eurocámara aprobou por 307 votos a favor e 262 en contra unha resolución presentada polos grupos Socialista, Liberal e Verde, que revisaba este texto. Elimínase así esta iniciativa en torno ao estatuto legal dos blogues, que xerara certa polémica entre algúns internautas, quen a vía como un intento de reducir as liberdades na Rede.

A relatora do informe, a eurodiputada socialista Marianne Mikko, quixo deixar claro durante o debate do texto que a ninguén lle interesa regular Internet''.

Liberdade de expresión

A resolución aprobada finalmente polo Parlamento recoñece a importancia que cobraron nos últimos anos os blogues e subliña que supoñen ''unha nova contribución importante á liberdade de expresión''. Os eurodiputados recordan que, ademais de por persoas privadas, este medio é cada vez máis usado por profesionais dos medios de comunicación e, nesa liña, defende un debate sobre todo o relacionado co seu estatuto legal.

En termos xerais, o PE defende a función de ''gardiáns da democracia'' que exercen os medios de comunicación, pero destaca que existe un ''risco considerable'' de que se perda esta función pola tendencia cara ao beneficio financeiro das empresas. Neste sentido, critican a situación de medios de comunicación públicos que, ao seu xuízo, guíanse cada vez máis polo ánimo de lucro, o que ''non garante a salvagarda dos procesos sociais, políticos ou económicos''.

Por iso, o texto subliña a importancia de garantir a protección dos dereitos de autor nos medios de comunicación online, de modo que, por exemplo, ''as terceiras partes teñan que mencionar a fonte cando citen declaracións''.

Comentarios