Begonte 2010

Punto de inflexión para un recuncho de ilusión

O pasamento do creador das figuras do belén electrónico, José Rodríguez Varela, conlevou varias homenaxes a título póstumo e que por primeira vez non houbese novidades nunha creación sempre viva

José Rodríguez Varela, ao pé do último belén que montou. AEP
photo_camera José Rodríguez Varela, ao pé do último belén que montou. AEP

Por que?
Serían ducias, senón centos, os momentos sinalados que se poden destacar do belén begontés, máis sen dúbida a perda do seu promotor, e artífice desas figuras senlleiras en movemento, supón un punto de inflexión no devir do nacemento.
Protagonista
O crego José Domínguez Guizán tiña unha idea e atopou en José Rodríguez Varela, Joselín, as mans e o corazón para materializala. Mestre de formación profesional, xubilouse no IES Politécnico de Lugo, cidade na que vivía, aínda que nunca perdeu o contacto co seu Begonte natal, a súa "terra prometida", fiel durante 38 anos a un nacemento do que só logrou apartalo, un 3 de agosto de 2010, aquel ao que cada ano lle construía con toda a ilusión un universo inspirado na realidade na que se criou.
Un chisco de historia
O 21 de decembro de 1972 montouse o primeiro belén, no teleclub nacido en 1968 e que José Domínguez Guizán xestionaba dende 1970 —hoxe leva o seu nome—. O bispo Miguel Anxo Araúxo bendeciu a instalación, que tiña cinco metros cadrados e dúas figuras animadas, as duns serradores, e o efecto do día e da noite. Inspirábase nun creado no centro de Formación Profesional Acelerada de Someso, na Coruña. Aquel ano acudiron os veciños e dez coches, unhas 300 persoas en total. Víctor Saez, inspector central de E.G.B., foi o primeiro pregoeiro.

O BELÉN DE BEGONTE ou Begonte do belén. O belén dos dous Xosés. Todo aquel que tivese a oportunidade de mergullarse na maxia do Nadal concentrada nos 15 minutos que dura o nacemento electrónico máis famoso de Galicia sabe que o proxecto ten nomes propios. Un dos Josés hai tempo que marchou, deixando ao seu irmán á fronte dun legado físico que ten moito de inmaterial. 

O outro José, Joselín, despedíase por sorpresa no verán de 2010, deixando o seu sinal de identidade en 38 nadais. O número 39, por primeira vez idéntico ao anterior, en lembranza e homenaxe ao seu artífice, foi o máis triste e tamén o máis emotivo. Desaparecía o artesán do movemento, pero o seu espírito permanecía en cada recuncho dos 80 metros cadrados de belén que cada ano axudaba a montar, no cento de figuras espalladas por esta superficie que podería ser calquera aldea galega, castelo de Herodes mediante, nos máis de 500 metros de cable necesarios para que a instalación funcione e para que medio cento de figuras cobren vida ante os abraiados ollos de pequenos e de grandes.

E chegaban as homenaxes para "a pedra angular do belén", como o definía o seu amigo Xulio Xiz. A corporación begontesa aprobaba por unanimidade o 12 de novembro o nomeamento de José Rodríguez Varela como Fillo Predilecto de Begonte de xeito  póstumo, unha distinción que se oficializaba o día 4 de decembro, coincidindo coa xornada inaugural do belén. 

Nunha ateigada casa da cultura, a muller e os fillos de Joselín recibían o cariño de todos os presentes na que foi a primeira vez que se outorgaba este título no concello —dende 2014, tamén o son o escultor Víctor Corral e o filósofo Sergio Rábade Romeu—.

Non foi a única homenaxe do día, pois o pregoeiro daquela edición, o crego guitiricense Segundo Pérez, actual deán da Catedral de Santiago, non só salientaba dende o púlpito da igrexa de San Pedro a relevancia dunha "obra admirable que anuncia, cunha pedagoxía viva, as raíces da nosa fe cristiá", senón tamén a obra de Varela, "un canto á beleza das persoas, casas, muíños, ríos e fontes da Terra Chá".

E xa no centro cultural José Domínguez Guizán, sede do belén, outro crego de aldea, Xosé Manuel Carballo, era o encargado de introducir o descubrimento da placa coa que o museo do belén pasaba a perpetuar o nome de Joselín "porque se non fose por Varela, non estariamos ás portas deste museo nin desfrutando deste belén". 

No Museo José Rodríguez Varela consérvase aquela primeira montaxe dun nacemento que trascende o relixioso, porque tamén ten valor social, cultural ou educativo, como recoñecía o propio Varela. Unha escola de costumes e de tradicións do rural galego para esas 40.000 persoas que cada ano, durante dous meses, experimentan un Nadal que, dende 2014, é Festa de Interese Turístico de Galicia. 

Do primeiro sábado de decembro ao último de xaneiro, o pregón, os certames de poesía, arte, xornalismo e debuxo infantil, as exposicións e outros actos sucédense para complementar eses 15 minutos de maxia e ilusión que Begonte, A Chaira e o mundo enteiro lle deben aos dous Xosés.

En 2010 tamén pasou...

Abadín 
▷ O V Expogrelo estreaba a Indicación Xeográfica Protexida (IXP), identificando cada mada co nome do produtor, a parroquia e a parcela na que se cultivaron.

Castro de Rei 
▷ Os veciños envorcouse cunha familia de Duancos que perdeu a súa casa nun incendio o 16 de setembro. As doazóns superaron os 40.000 euros.

Cospeito
▷ A Xunta sortea o 13 de xullo as 32 vivendas sociais construídas en Muimenta. Preséntanse 82 solicitudes.

Guitiriz
▷ Fúndase, con 20 socios, a xunta local da AECC, que dende entón organiza viaxes, charlas, unha cea solidaria e conta cun grupo de teatro.

Muras 
▷ O 1 de xullo, a socorrista desaloxa a piscina municipal pola aparición dunha serpe, dunha especie descoñecida e uns 20 centímetros de largo. Unha vez retirado o animal, restableceuse o baño.

A Pastoriza
▷ Os Encontros na Terra Chá renden tributo a Xosé Manuel Seivane e o Concello ponlle o seu nome á casa da música da localidade nun acto celebrado o día 20 de novembro, coa presenza do fabricante de gaitas, nado neste municipio, arroupado pola súa familia e numerosos amigos.

Vilalba
▷ Xosé Antón Pombo Mosquera presenta un libro sobre a creación do edificio do Hospital Asilo e Turespaña retira a hedra da Torre dos Andrade polo risco de que prexudicase a estrutura da construción medieval.

Xermade
▷ Manuela Carballo Solmo celebra o 5 de febreiro os seus 108 anos de idade, rodeada da súa familia e coa visita de autoridades. O seu pasamento prodúcese o 6 de outubro.

Meira
▷ O Concello culminaba a rehabilitación do Muíño da Pedreira, no Parque Profesor Río Barja, que comezaba a funcionar como restaurante.

Pol 
▷ O II Roteiro pola Fraga de Romeor, con medio cento de partipantes, convertíase na primeira actividade da nova asociación Roteiros de Pol.

Ribeira de Piquín
▷ Os veciños crean a plataforma Salvemos o Río Eo para oporse á construción dunha presa, anunciada no BOP do 17 de abril.

As Pontes 
▷ Durante semanas sucédense as protestas en contra do decreto do carbón. Créase unha plataforma e hai numerosos actos. O 22 de outubro mil persoas van a Madrid no Camiño Mouro, apoiado por outras 2.000 na localidade pontesa.

Comentarios