Muras 2015

Agarimos para unha pedagoga pioneira

Ducias de veciños arrouparon á "mestra co maiúsculas" Antía Cal, nunha xornada na que se lle puxo o seu nome ao colexio murés e na que o Concello lle concedeu o merecido título de Filla Adoptiva
Acto de homenaxe a Antía Cal. EP
photo_camera Acto de homenaxe a Antía Cal. EP

Por que?
Ao longo dos últimos 13 anos foron moitas as noticias que encheron páxinas nesta Chaira sobre Muras, pero a máis emotiva foi sen dúbida a homenaxe que recibiu Antía Cal.
Protagonista
Tita do Mesón, como aínda a coñecen, foi unha muller pioneira na pedagoxía. Fundou a escola Rosalía de Castro en Vigo, bautizando con valentía as súas aulas con nomes de exiliados, literatos e fusilados.
Un chisco de historia
A finais dos anos 50 creou O libro dos nenos, unha enciclopedia pedagóxica escrita en galego na que os pequenos podían aprender xeografía, historia ou hixiene. O traballo foi silenciado, e seis décadas despois, a Deputación publicouno.

A VERDADE máis pura, a que emana das palabras sentidas e que saen do corazón, diso se encheu Muras hai catro anos na agarimosa homenaxe que recibiu Antía Cal, unha pedagoga pioneira que segue a ser un referente pola súa valentía e bo facer.

Volver a aquel día é rememorar escenas entrañables dun acto no que o seu "Muras querido", un pobo que sempre levou e leva por bandeira pese a nacer na Habana en 1923, se rendeu ante a sabedoría da "mestra con maiúsculas" e se derreteu coas ocorrencias e as anécdotas de Tita do Mesón, como aínda a coñecen cariñosamente os seus veciños mureses.

Os mesmos que sorrín e se emocionan cando pasan diante dunha escola que dende hai catro anos leva o seu nome. Un acordo ao que se chegou no pleno municipal, onde tamén aprobaron sen discusión concederlle o título de Filla Adoptiva. Era de xustiza.

Porque Tita demostrou aquel  28 de novembro de 2015 ter unha vitalidade e fortaleza impropia para a súa idade, crecendo varios centímetros ao escoitar as fermosas verbas que lle dedicaron os pequenos da escola. Da súa escola.

"Non te coñeciamos de nada pero tratáchesnos como se foses da nosa familia. Foi un domingo moi especial no Mesón. Contáchesnos moitas historias graciosas e fuches amable, doce e divertida", foron recitando un a un, ante a atenta mirada de Tita, á que se lle encheron os ollos de bágoas ao escoitar: "Fuches valente e atrevida, por iso o noso colexio vai levar o teu nome".

Unha afirmación refrendada polos sorrisos dos asistentes e polas declaracións da tenente de alcalde, Belén Chao, quen confirmou que a homenaxe xurdiu por "petición popular" e demostrou que "o rural galego existe e a escola de Muras é hoxe proba desa vitalidade".

Unha fortaleza castigada cada día máis pola triste despoboación. Esa que pon en serio perigo unha escola que volveu ao pasado convertíndose de novo nunha unitaria na que todos comparten espazo e aula.

E é que o Ceip Antía Cal de Muras é ao fin unha pequena familia unida no bo, pero tamén no malo. Aí están as reivindicacións dos últimos anos nos que se esixían máis docentes, unha petición que chegou incluso ao Parlamento galego, pero que quedou en nada.

Por sorte, ese inmoble infrautilizado ante a falta de alumnado, rexurdiu con outro proxecto necesario para seguir fixando poboación e loitar contra o retroceso no número de habitantes. O Punto de Atención á Infancia (PAI), que abriu as súas portas o pasado ano, dá un raio de esperanza a un municipio envellecido pero vivo.

Igual de viva que está a historia de Antía, a través da guía didáctica que elaborou Alba García Rico para o Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que naceu "para divulgar a súa figura", precisa a autora.

Unha figura que tamén protagonizou o documental A palabra xusta, dirixido por Miguel Piñeiro e producido por Atlantis Multimedia, que "foi visto por 800.000 persoas". Un traballo audiovisual que seguirá xirando por medio mundo a través do Instituto Cervantes. Londres, Belgrado, Brasilia, Lisboa, O Cairo, Manila, Rabat... Todos coñecerán a Tita do Mesón.

E en 2015 tamén pasou...

Abadín
▷ Unha familia de Abeledo denuncia que sufre cortes de auga dende hai máis de catro anos. 

Begonte
▷ Adrián Vigo cumpre un dos seus soños sacando o seu primeiro disco, Profunda amistad.

Castro de Rei
▷ Jesús Antonio Novo crea unha nova estatua do Cristo do Sagrado Corazón de Santa Locaia.

Cospeito
▷ Uns 200 veciños de Muimenta protestan en Lugo polos recortes no centro de saúde.

Guitiriz
▷ Un veciña gaña un Sueldazo da Once, con 300.000 euros de premio directo e un soldo durante 20 anos.

A Pastoriza
▷ Os constantes accidentes na LU-122 levan a reclamar medidas. A presión funciona e constrúese unha rotonda.

Vilalba
▷ O mítico hotel Villamartín pecha despois de tres décadas de actividade. Continúa aínda á venda.

Xermade
▷ O municipio conta co primeiro refuxio de animais da comarca, localizado no lugar de Carballás.

Meira
▷ A familia de Avelino Díaz viaxa dende Arxentina para coñecer Meira, o mesmo ano que se lle pon o nome do poeta ao colexio e se celebran numerosos actos.

Pol
▷ A Anpa do Ceip Rosalía de Castro recolle firmas e envía cartas a Educación para evitar recortes.

Ribeira de Piquín
▷ A última oficina bancaria do municipio bota o peche definitivo.

As Pontes
▷ O Concello asina con Endesa un convenio histórico coa cesión de solo industrial e inmobles valorados en 75 millóns de euros.

Comentarios