Monti: ''Non hai que saír ao tolo''

Monti escapa con la pelota de dos rivales en el partido de vuelta ante el Alavés. (Foto: Pepe Álvez)
photo_camera Monti escapa con la pelota de dos rivales en el partido de vuelta ante el Alavés. (Foto: Pepe Álvez)

O futbolista arxentino do Club Deportivo Lugo Claudio Monti reiterou onte as ganas que ten o equipo branquivermello de que chegue o encontro do domingo (19.00 horas) ante o Alcoyano no estadio Ángel Carro, no que os branquivermellos buscarán o ascenso a Segunda A. Para iso deberán remontar o 1-0 que os alacantinos obtiveron na ida.

«Que ninguén dubide de que o equipo está con moitas ganas de que chegue o domingo para tratar de dar a volta ao marcador e conseguir o obxectivo do ascenso, algo que sería realmente bonito», comentou o futbolista.

No aspecto persoal, Monti admitiu, logo dunha tempada marcada polas lesións, que o seu momento de forma é moi bo. «Atópome moi ben, no anterior encontro ante o Alcoyano terminei sen problemas e non teño dúbidas no apartado físico. Agora só quedar esperar pola decisión do adestrador para ver se xogo ou non», indicou.

O arxentino reiterou que o máis importante é o equipo ao valorar o seu posicionamento nos esquemas do técnico Quique Setién. «O ano pasado xoguei toda a tempada como mediocentro. Aquí, polas circunstancias, xa que Carlos Pita e Marcos Rodríguez están a facelo moi ben, tócame xogar un pouco máis adiantando, pero hai que integrarse no equipo e eu sempre o intento facer o mellor posible, sexa no posto que sexa», manifestou.

Monti ten claro cal debe ser a idea do Lugo e a súa proposta para a remontada. «Creo que o máis importante é non encaixar un gol e saber tamén que hai noventa minutos por diante. Todo o equipo está moi confiado nas súas posibilidades e sabe que non hai nada perdido despois do 1-0. Non é un día nin o momento para saír ás toas, aínda que si con moita intensidade», dixo.

O arxentino espera o domingo un encontro moi parecido ao do Collao. «Durante os primeiros minutos no partido de ida creáronnos algúns problemas, pero penso que logo dominamos con certa comodidade e asentámonos a medida que pasaron os minutos. Só falta que agora en casa teñamos un maior acerto», comentou. á vez, asegurou que recela da idea que manteñen os xogadores do Alcoyano acerca de saír a gañar e tomarse o choque como unha final, sen contar co 1-0 previo. «Unha cousa é o que digan publicamente e outra ben distinta é o que leven a cabo no terreo de xogo. Penso que co noso fútbol podemos gañarlles e creo estarán máis preocupados de defender e buscar a súa oportunidade», sinalou.

Ao recordar o encontro do pasado fin de semana, o futbolista branquivermello non cre que a saída ao campo de Fabiani fose un punto de inflexión e reiterou que o seu equipo estivo ben asentado e incluso controlou ao espigado dianteiro. «Fabiani tivo a xogada na que acabou forzando saque de esquina e logo o seu tanto, pero penso que o controlamos bastante ben. O Lugo soubo facer as cousas e agora só falta confiar no noso traballo para conseguir o ascenso, algo que sería moi bonito para terminar unha tempada preciosa e na que todos gozamos ao comprobar que o traballo daba os seus froitos. Marcamos como locais ante Murcia e Alavés, e estou seguro que tamén o faremos ante o Alcoyano», dixo.

Afección

Claudio Monti, simpatizante do River Plate, valorou tamén a mala situación do seu equipo da alma e os incidentes que se viviron no seu partido e tamén na final da Copa Libertadores. «é lamentable que en Surámerica sigan pasando estas cousas. A xente entra ao campo e incluso os xogadores incitan á violencia. En Europa ven as cousas con máis tranquilidade por encima do que pasa en ocasións, como no Granada-Elxe. Alí dá moito medo pola familia e os máis pequenos. Persoalmente, sigo a River e é unha pena ver a un equipo grande nesa situación, non é un ano nada fácil», recoñeceu.

«Hai noventa minutos por diante»

Claudio Monti móstrase encantado pola resposta da afección branquivermella, á que pide que siga co seu apoio e o domingo non perda a paciencia se o gol tarda en chegar. «Á afección diríalle que estea connosco, que diso non temos dúbidas e que haxa tranquilidade, xa que hai noventa minutos por diante», sinalou.

«Non me imaxinaba este ambiente cando cheguei. Ao principio de tempada a xente estaba co equipo e fóronse achegando máis a medida que o equipo ían sumando puntos. é moi bonito vivir este ambiente e agora só queda esperar que todo salga ben», sentenciou.

Comentarios